- Advertisement -
Antón Reixa é unha das persoas icónicas da música reivindicativa no noso país. Integrante dos Resentidos, ese grupo que impulsou musicalmente a mobilización dunha sociedade que espertaba logo dos anos escuros do Franquismo, Antón Reixa conversa sobre a música de hoxe en día, os seus plans de futuro, os recordos que garda da movida viguesa e a proxima parada que fará no Festival de Pardiñas (Lugo) este domingo, 4 de agosto.
“Agora o politicamente correcto encorseta máis o ocio popular e a creación“, conta. Daqueles anos 80 da eclosión artística, quizais, habería que recuperar e traer ao presente esa “frivolidade que viña asociada á tolerancia, á liberdade de expresión e á sinceridade individual e colectiva”. Co pouso de levar case media vida no eido da cultura, Reixa fala de seguido sobre que poderiamos recuperar daquel movemento punk tan rompedor. Eis a conversa.
OS ANOS 80 E A MOVIDA VIGUESA
Daquela, nos anos 80, erades críticos e irreverentes. Faciades letras radicais e comprometidas coa realidade do tempo. A música é a mellor canle para a crítica social?
A música forma parte da vida e polo tanto integra todos os elementos que forman parte dela. En tanto que a rebeldía e a mobilización están presentes nas nosas vidas, tamén o están na música e na música popular. É moi honesto que a música teña ese punto de sinceridade e que reflexe realmente o que é a vida das persoas.
“Os anos oitenta foron os mellores anos das nosas vidas”
Por que Vigo foi a cuna da eclosión artística do momento? Que elementos se xuntaron para que xurdira toda unha movida viguesa?
Vigo era unha cidade portuaria que nos anos 80 asistía aos problemas de reconversión industrial… Eu creo que os lugares con portos de mar, que teñen unha poboación que emigra e que navega por todo o mundo, e que acolle a xente de todo o mundo, adquiren un especial cosmopolitismo que fai que a modernidade se poida desenvolver. Era o que acontecía en Vigo naquela época dos anos 80: por unha banda, unha certa eclosión artística que era unha especie de conquista popular do ocio despois dos tempos máis escuros e tristes do franquismo, e pola outra, unhas ganas de festa e de ocio colectivo. Eran os caldos de cultivo daquela movida viguesa.
“A movida era unha especie de conquista popular do ocio despois dos tempos máis escuros e tristes”
Tes certa morriña dos 80? Cres que hai algo importante que deixamos polo camiño?
Foron os mellores anos da nosa vida. Eran tempos frívolos, pero esa frivolidade viña asociada sempre á tolerancia, á liberdade de expresión e á sinceridade individual e colectiva. Iso si que o gardo na memoria e creo que sempre hai que reivindicar. Agora o politicamente correcto encorseta máis tanto o ocio popular coma a creación.
Daquela erades dos primeiros que creabades música en galego. Como mudou o estado da lingua no eido da música?
Nos anos 80 eramos practicamente o único grupo que de forma profesional estaba na escena musical. Agora debe haber entre 80 e 100 grupos en Galicia que fan música en galego, pero quizais non teñen a fortuna de ter a repercusión mediática que tivemos nós. Hai que seguir pelexando porque o galego e a música en galego formen parte do tecido social.
O contexto mudou moito, pero cres que agora, dalgún xeito, segue facendo falta esa conquista popular do ocio en Vigo?
Aínda que non se fale tanto do mundo da música, eu creo que agora hai máis e mellor música por parte das novas xeracións. Nós tiñamos a sorte de medrar naquel ambiente e mediaticamente aquilo tivo un reflexo espectacular. Hoxe seguen pasando cousas, pero non se fai tanto ruído. A música segue sendo unha parte esencial hoxe en día en todos os lugares.
Relacionado