InicioSociedadeA Universidade e a Xunta, en busca dun 'plan propicio para o...

A Universidade e a Xunta, en busca dun ‘plan propicio para o uso do galego’

O Secretario Xeral de Política Linguística, Valentín García, lamentou que aínda sabendo galego os mozos non o empreguen.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Sistema Universitario de Galicia podería contar a partir do vindeiro curso 2019-2020 con itinerarios en lingua galega en varios graos. Esta cuestión centrou este mediodía a reunión que a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística celebrou no campus de Vigo e na que se acordou que as tres universidades deseñen, cando menos, un proxecto de itinerario cada unha, que tras ser revisados pola comisión, serían aprobados pola Comisión de seguimento do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 e implantados o vindeiro curso.

“É a realización do que xa estaba previsto no Plan Galego de Financiamento Universitario. Que as universidades traian cando menos un proxecto de itinerario cada unha, para que a Comisión de Política Lingüística os revise e logo pasen á Comisión de seguimento do Plan de Financiamento, que é onde hai que aprobar este tipo de iniciativas”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen sinalou que “que se faga efectivo nas tres universidades dependerá delas”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo destacou o clima construtivo que presidiu o debate deste punto da orde do día da reunión da Comisión e asegurou que “tanto a Xunta como o SUG apostamos pola formación e a utilización do galego nas aulas e esperamos que en breve poidamos ter unha oferta nas tres universidades. Igual que no seu día se fixo para que houbese itinerarios en inglés, cremos que é fundamental que a nosa lingua tamén se vexa reflectida nas aulas”, dixo Manuel Reigosa.

O secretario xeral de Política Lingüística avanzou que se pediu un esforzo ás universidades para que os itinerarios en lingua galega se desenvolvan en titulacións dos ámbitos tecnolóxico e científico, “porque é onde temos unha asignatura pendente coa lingua galega”, sinalou García, e non en titulacións como as filoloxías, nas que a presenza do galego xa é importante.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua / queremosgalego.com

Para Manuel Reigosa “o traballo da comisión pasa por que a oferta conxunta do SUG sexa atractiva para visualizar que o galego se pode utilizar en calquera titulación”, asegurou Reigosa.

Na xuntanza celebrada este mércores, o secretario xeral tamén confirmou que se trasladará ás universidades o Plan de Dinamización da Lingua Galega na Xuventude, que a Xunta está a elaborar, para que as institucións académicas realicen as súas achegas e o ámbito universitario teña a presenza que lle corresponde.

En declaracións posteriores á celebración da reunión, nas que as universidades de Santiago de Compostela e de A Coruña, estiveron representadas polo vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo, e o secretario xeral, Carlos Aymerich, respectivamente, o secretario xeral de Política Lingüística recoñeceu a súa preocupación pola baixa que se rexistra no uso da lingua galega por parte da mocidade, circunstancia que tamén ten o seu reflexo na universidade.

“Temos a xuventude mellor capacitada da historia para escribir, falar e entender o galego, pero os usos baixan e non é un problema de formación, senón de crear espazos e sinerxías, o que chamamos a segunda socialización”, sinalou Valentín García, que recoñeceu a necesidade de crear un ambiente propicio para o uso do galego, de xeito que as e os egresados utilicen con normalidade a lingua, tamén, en ámbitos de especialización e nas actividades cotiás que desenvolven nos campus.

“Isto é unha das cousas que máis nos preocupan aos que estamos encargados da lingua galega: os usos na xuventude, porque o coñecemento está garantido en cotas bastante altas. Se sabes unha lingua e logo non a utilizas é un paradoxo … e iso é o que está pasando”, lamentou García.

ÚLTIMAS

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...

A Garda Civil recolle pistas sobre o atropelo mortal na AP-9 en Teis

A Garda Civil continúa investigando o atropelo mortal a un home de 33 anos ocorrido na...

OPINIÓN.- A vivenda como dereito nun modelo de cultura económica neoliberal

Cando falamos de vivenda habitual, estamos facendo referencia a un dereito fundamental recollido na...

Investigan a unha menor que realizaba prácticas nun turismo coa súa nai e o seu irmán no Porriño (Pontevedra)

A Garda Civil investiga a unha menor que foi identificada o sábado 21 de decembro ao...