InicioSociedadeA manifestación feminista do 8M triunfou un ano máis en Vigo

A manifestación feminista do 8M triunfou un ano máis en Vigo

Unha folga laboral e tamén de consumo, estudiantil e de coidados.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A manifestación do feminismo foi masiva de novo nas cidades galegas, e Vigo non podía ser menos. Triunfou unha folga ‘cuádruple’: laboral, de consumo, de coidados e estudiantil, convocada por asociacións como a plataforma Galegas 8M.

A plataforma Galegas 8M levaba reuníndose nas vilas de toda Galiza desde o mes de xaneiro, unindo a múltiples colectivos e mulleres individuais, nun traballo conxunto de cara a garantir o éxito da manifestación nacional feminista, co fin de difundir e animar a todas as mulleres da nosa comarca a sumarse aos actos.

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

O lema non foi outro que “por todas as mulleres, por todos os dereitos: Revolta feminista”, “co fin de reclamar un mundo diferente, no que o dereito a vivirmos unha vida digna se coloque no centro da axenda política, económica e social”, subliñan.

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

Reclamaban aspectos tan distintos como “a soberanía sobre os nosos corpos e identidades, soberanía sobre os nosos desexos, soberanía sobre a vida que escollemos vivir, soberanía alimentaria, soberanía política para o noso país…”.

Sempre co desexo dunha “sociedade xusta na que os coidados sexan tarefa de todas as persoas e a vida sexa o centro da axenda política, garantir a igualdade de oportunidades e de dereitos nas condicións de traballo e na esfera social, e o dereito a unha vida sen violencias de ningún tipo”.

Para que todo fora un éxito reclamaron aos homes non poucas tareas, entre elas que realizaran durante o 8M as tarefas de coidados (crianza, alimentación, doméstico, maiores) durante todo o día, impedindo que estas queden pendentes e dupliquen o traballo das mulleres os días seguintes á greve.

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

Tamén, que asumiran “a sobrecarga e a dupla ou tripla xornada que habitualmente realizamos as mulleres. Non cómpre ter lazos familiares, tamén tés amigas, compañeiras de traballo e veciñas”, subliñan.

 

Así como “difundir e apoiar as convocatorias de greve e mobilizacións, non facer folga nen paros, visibilizar a greve de mulleres nos postos de traballo, aportar económicamente a un peto de resistencia no traballo para axudar ás compañeiras que vaian á folga, e dar todo o protagonismo nos espazos públicos e privados ás mulleres, acompañando a loita feminista neste 8M”.

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

Deste xeito, as mulleres galegas se sumaban ao Paro Internacional dos feminismos de todo o mundo, “para visibilizar os traballos invisibles que facemos as mulleres e que sustentan a vida de todxs”, subliñan desde Galegas 8M.

FOLGA DE CONSUMO

Tamén demandaban as feministas a necesidade de “visibilizar ante a sociedade a necesidade de romper coa lóxica de consumo capitalista que reforza o sistema e por tanto a posición de desigualdade das mulleres no mesmo, así como que as mulleres ocupamos un espazo importante no sector dos servizos e nos traballos máis precarizados do mercado de consumo”.

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

“As mulleres galegas loitamos pola soberanía alimentaria dos pobos e contra o empobrecemento das mulleres en todo o planeta, e non queremos contribuír á explotación de ningunha persoa, nen no noso país nen en ningún outro a través do noso modelo de consumo”, selaban, animando a non consumir este 8M “para apoiar a folga”.

FOLGA DE COIDADOS

Tamén foi unha folga de coidados, para “visibilizar ante a sociedade e no entorno familiar todo o traballo de coidados que realizamos a diario, como a xestión da alimentación, coidados de saúde, das crianzas, da limpeza, dos maiores…”

Manifestación 8M Vigo/ Miguel Núñez

FOLGA ESTUDIANTIL

No que respecta ao ensino, reivindicaban “un ensino público, laico e feminista, estudar figuras de mulleres nos nosos temarios, cambiar que haxa carreiras masculinizadas e feminizadas, acceder a un traballo en condicións de igualdade cos homes, un sistema educativo que teña a perspectiva de xénero como unha competencia transversal e que inclúa unha educación afectivo sexual diversa”.

E, por suposto, tamén “establecer mecanismos efectivos de prevención e denuncia das violencias machistas, mellorar a seguridade nos campus · promover a paridade nos órganos de goberno, e rachar co teito de cristal que existe na Universidade”, entre outras reivindicacións.

ÚLTIMAS

Papá Noel toma un ano máis as rúas de Vigo en moto

Miles de papanoeles en moto déronse cita, un ano máis, este sábado para percorrer...

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Un vigués entre os 11 detidos por facer grafitis en trens de Cataluña

Unha operación conxunta entre Policía Nacional, Mossos d'Esquadra e Garda Urbana de Barcelona (GUB)...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...