InicioSociedadeA residencia para persoas con discapacidade intelectual de Coia faise realidade grazas...

A residencia para persoas con discapacidade intelectual de Coia faise realidade grazas ao Vigo máis solidario

O proxecto avanza a pasos axigantados grazas ao apoio da Xunta, o Concello e El Corte Inglés a Aspanaex

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da provincia de Pontevedra ( ASPANAEX) e El Corte Inglés presentaron este venres en Vigo a campaña “Solidarios para construír un soño”, que ten por obxectivo recadar fondos para a residencia que a asociación ten previsto construír nas instalacións cedidas pola Tesourería Xeral da Seguridade Social en Coia.

Desde hoxe venres ata o mes de xullo, El Corte Inglés poñerá á venda unha serie de tarxetas solidarias nas caixas dos seus supermercados de Vigo, A Coruña e Santiago; que terán un prezo de 1, 3 e 5 euros. Coa adquisición das mesmas, estarase a doar directamente esta cantidade a ASPANAEX.

Durante a presentación da iniciativa, a directora xerente de ASPANAEX, Beatriz Macías, agradeceu ao director de Comunicación e Relacións Institucionais do Corte Inglés Galicia-Asturias, Pati Branco, o apoio que lle prestaron na posta en marcha desta actuación e animou a toda a sociedade a que se some ao soño de todos os que forman ASPANAEX.

Tal e como explicaron, esta actividade enmárcase dentro da campaña global “Axúdanos a construír un soño” que ASPANAEX iniciou no ano 2017 para solicitar apoios para a construción da súa residencia.

Desde o seu inicio foron moitas as institucións, empresas e persoas anónimas as que se sumaron á iniciativa e que puxeron o seu gran de area para que este soño poida ser unha realidade canto antes.

“Para todos nós é moi importante asegurar o futuro de todas aquelas persoas con discapacidade intelectual da nosa cidade e poder ofrecerlles un fogar cando as súas familias non estean ou non poidan atendelos”, apuntou a directora de ASPANAEX.

Desde El Corte Inglés destacouse que esta iniciativa se enmarca dentro da política de compromiso coa sociedade e a protección dos máis vulnerables que desenvolve o Grupo, apoiando de maneira responsable diferentes actividades culturais, educativas, sociais e deportivas.

A posta en funcionamento dunha residencia que poida atender a demanda de prazas existente na cidade de Vigo é o proxecto máis ambicioso no que traballa ASPANAEX neste momento.

Esta residencia, que se construirá nas instalacións cedidas pola Tesourería Xeral da Seguridade Social no barrio de Coia, contará con 58 prazas que servirán para asegurar un fogar na cidade na que viven a persoas con discapacidade intelectual que, por diferentes causas, non poidan ou queiran permanecer nas súas casas.

A residencia contará con semisótano, planta baixa, primeira e segunda e dispoñerá de todos os servizos que require un servizo destas características. Destinaranse 34 prazas para persoas con máis necesidade de apoio e 24 para persoas con máis autonomía.

O proxecto conta xa con todas as autorizacións por parte da+ Xunta e da licenza urbanística do Concello de Vigo; polo que se espera que as obras poidan comezarse en breve. O orzamento de obra civil e equipamento ascende a 3.014.285,35 euros que se obterán a través de diferentes fondos públicos e privados.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...