Comezou en terra, marchou ao mar, voltou con nós pero só para terminar xubilándose de novo sobre as ondas do océano. Benigno Iglesias foi mecánico naval, atraído “entre a necesidade e a afección” pola chamada do líquido elemento.
Xa estando no colexio, con 8 anos, traballou de ferreiro, martelando o ferro para gañar o pan. Non resulta sorprendente para el: “Era o que había, aprender un oficio”, resume.
Deixando a escola a esa idade, esquivou a gramática, “que se me daba fatal, e aínda hoxe escribir (nese sentido, o da norma lingüística) escribo moi mal. O libro pasáronmo a limpo, un compañeiro da revista ‘Vigo é deporte”, recoñece.
“Estou integrado nunha asociación deportiva para xente maior, e na revista mensual (Vigo é deporte) sacan sempre unha folla para nós”, celebra. Benigno xoga ao cachibol, “que vén sendo o nacemento do voleibol, mandamos a bóla por riba da rede pero non a peloteamos”, resume.
“Gustábame moito a poesía, e nos intres libres, cando estaba inspirado, fun escribindo un libro de poesías entre o mar e a terra. Vai de 1987 a 2012, está dividido polos anos durante os que paseniñamente foi xurdindo. Hai poemas ao día da nai e o pai, a San Valentín… A maioría en castelán, e tamén algúns en galego”, aclara sobre a súa primeira obra, chamada “Poemas de un marinero”.
Agora vende esta e a súa segunda obra, a biografía “Historias de un hombre de tierra y mar”, colaborando en ambas con Médicos sin fronteras, aos que lles entrega unha ‘participación’ dos libros vendidos. “Cos libros non gano nada, os vendo polo que me custa imprimilos, o pequeno (a biografía) a 7 euros e o de poesías a 8”, subliña.
A biografía está dividida en 7 capítulos, son anécdotas da infancia e de todo o que foi vivindo durante toda a súa traxectoria. Publicouna o ano pasado, tras escribilo na súa casa: “Coa miña enfermidade non podo traballar, e adícome a escribir”.
Entregarse a este fermoso arte está pagando a pena: “Da xente que o comprou, polo momento gustou a todos. Estou orgulloso dos dous libros porque teñen os meus sentimentos, e non se poden borrar”.
Recomenda a calquera que faga o mesmo e pase a páxinas os seus recordos: “Non deixan de ser experiencias vividas, de alí non se pode sacar cousas malas, só proveito, meditacións. Nos poemas hai a inspiración de querer facer unha cousa e realizala. Nas vivencias, ráfagas de bo facer e mal facer, porque non hai que poñer só o que reluce, senón as dúas caras”, reflexiona.
Preguntado polos seus referentes, recoñece: “En lectura estou moi mal porque nunca me gustou ao non ter moito tempo, o traballo que tiña era moi escravo e as horas de descanso había que aproveitalas”. Así que a súa obra “naceu da miña imaxinación, de querer dar vida a esta historia”.
Benigno leva moitos anos colaborando non só no eido cultural, senón tamén no deportivo. Ata os 67 anos participou en carreiras, colaborando co club de atletismo máis antigo de Galicia, o Comesaña Sporting Club.
Tamén levou equipos de fútbol sala, veterano e de categorías menores, e achegou a moitos nenos á práctica do atletismo. Nos colexios aos que asistiron os seus fillos, como o Párroco Don Camilo ou o Marcote, colaborou coas actividades extraescolares. “De alí, do deporte, saquei un pouco da forza para ser escritor”. Un pequeno gran segredo.