InicioSociedadeO BNG critica o cartel do entroido por 'casposo': "O pop rock...

O BNG critica o cartel do entroido por ‘casposo’: “O pop rock español non representa a forza do entroido vigués”

Desde o partido nacionalista reivindican a figura dos merdeiros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O BNG de Vigo criticou este martes os anuncios realizados polo alcalde da cidade a respeito da programación do entroido. Xabier P. Igrexas, candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, valorou negativamente “a decisión de Abel Caballero de reducir a celebración a unha verbena coas actuacións dunha coñecida cantante de pop español e unha banda de rock madrileña”.

“Con decisións deste tipo o goberno municipal promove unha visión algo impostada e forzada que volve demostrar, unha vez máis, que ten unha visión cultural raquítica, acomplexada e con todo respecto, algo casposa” di o candidato nacionalista.

Pérez Igrexas recorda que somos unha das poucas cidades galegas cunha figura tradicional do entroido urbano, como son ‘os Merdeiros’, que foron recuperados hai poucos anos despois de ficar practicamente desaparecida desde os anos 20 do século pasado. Neste sentido, reivindicou “poñer en valor e potenciar o entroido vigués, cun forte acervo popular e con importante celebración en todos os barrios e parroquias da cidade”.

Xabier P. Igrexas, candidato polo BNG á alcaldía de Vigo/ Miguel Núñez

Fronte a contratación de dous espectáculos con grupos musicais foráneos, Igrexas demandou “valorizar as comparsas, as coplas de entroido e os pasarrúas” e apoiar con determinación ao “tecido cultural e veciñal que fai posíbel o entroido vigués“.

Tamén fai referencia o candidato do Bloque á intención de Abel Caballero de comparar o noso entroido co popular Carnaval de Río de Janeiro en Brasil. “Se se quere dimensionar o noso entroido hai que facelo dende o amor propio, dende a valorización de todo o que nos caracteriza”, reclamou.

Abel Caballero, alcalde de Vigo/ Miguel Núñez

E é que para Igrexas, Vigo, como parte de Galiza, disfruta dunha vantaxe que é unha enorme potencialidade polo feito de “termos un idioma propio que nos conecta cunha comunidade de 200 millóns de falantes en todo o mundo, o mesmo que falan en Río”, enfatizou en alusión á lusofonía. “Temos que poñer en valor a nosa cultura e o noso idioma e temos que conectalo con esa enorme comunidade internacional que partilla a nosa mesma visión”, sentencia.

“Se dalgo ten que ser escaparate o entroido de Vigo é da enorme potencia de creación musical que temos, con grupos propios que apostan pola nosa cultura”, remacha. O candidato do BNG lamenta que levamos anos padecendo esta situación tamén na programación das festas de verán e chama a non “aldraxar unha tradición tan importante” e “poñer en valor co que temos e contectalo coa lusofonía”.

ÚLTIMAS

Enfróntase a máis de 16 anos de cárcere acusado de violar e roubar a unha muller á de traballar dun hospital de Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro...

Os servizos emerxencias traballan na extinción dun incendio nun cortello da avenida Ricardo Mella

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio declarado nun cortello da avenida...

Detido en Vigo un home por dous ataques consecutivos á Policía Local nun só día

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un cidadán estranxeiro, A.M., de 30...

Detido en Vigo con haxix, cocaína e máis de 1.300 euros en efectivo

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...