InicioSociedadePiden a Feijóo e Caballero que non acudan á entrega do premio...

Piden a Feijóo e Caballero que non acudan á entrega do premio a PSA “por crear emprego de calidade”

"Concederlle a PSA Vigo o premio á creación de emprego de calidade é descoñecer a realidade social da plantilla", subliñan desde o sindicato CUT.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Consello de Economistas de Galicia ten previsto entregar hoxe venres, por primeira vez, un premio que trata de distinguir a aquelas empresas que contribúen á creación de emprego de calidade en Galicia, e polos proxectos que aportan ao crecemento económico e ao PIB galego.

“Non nos estraña que este galardón, concedido polos que defenden o libre comercio e a competitividade entre empresas e traballadores e traballadoras, se lle vaia entregar no día de hoxe ao grupo PSA, e concretamente ao centro de produción de Vigo, que cada vez fabrica máis barato desde o punto de vista, sobre todo, de custos laborais para deste xeito aumentar a marxe de beneficios dos seus accionistas“, sinalan desde o sindicato CUT- Citroën.

Segundo este sindicato, “concederlle a PSA Vigo o premio á creación de emprego de calidade é descoñecer a realidade social da plantilla. Dos 5.200 traballadores e traballadoras que hai actualmente en Vigo, no taller só 1.300 conservan un contrato de 8 horas, sen cláusulas de variabilidade, sendo os outros 3.900 contratos a tempo parcial de 4 ou 5 horas ou de 8 horas con cláusulas de flexibilidade, con horarios que se modifican cada mes, semana, e incluso no propio día, o único que intenta tapar e a realidade dun sector (o do automóbil), cada vez máis precarizado en Galicia, onde PSA Vigo obriga ao resto das auxiliares a aplicar as mesmas políticas que aplica no seu centro”.

PSA Vigo/ Miguel Núñez

“Políticas que van en contra da propia conciliación familiar e laboral, onde cada día que pasa no centro se externalizan máis postos de traballo para que estes sexan asumidos por empresas multiservizos con salarios e condicións de miseria, sen esquecer que o persoal de novo ingreso en PSA Vigo asina contratos de 4 horas a tempo parcial, realiza xornadas de 26h en sábados e domingos e tres ou catro xornadas de luns a venres”; destacan.

“Cobran compañeiros e compañeiras arredor de 500€ menos por mes que outro traballador con certa antigüidade no centro que realiza o mesmo traballo. A día de hoxe, a dirección de PSA Vigo ten aberto un ERTE no centro que a CUT xa denunciou no xulgados do social por abusivo e que só ten como fin o rendemento económico. Os contratos de 8h, que son máis caros, son enviados ao ERTE, namentres os eventuais fan xornadas maratonianas. Ese é o emprego de calidade polo que vai ser premiado PSA?”, denuncian.

Consideran desde o sindicato CUT que PSA é”unha empresa que fomenta a deslocalización de emprego e das empresas para aproveitar a proximidade de Portugal e deste xeito abaratar os custos de man de obra. A mesma empresa que está creando, coa complicidade das administracións publicas, un corredor marítimo con Marrocos para fomentar a implantación de provedores neste continente e deslocalizar a produción e o emprego. Quizais este premio debería ser concedido pola Cámara de Comercio do pais veciño”.

PSA Vigo/ Miguel Núñez

“En 2007 a plantilla rozaba os 10.500 traballadores/as en PSA Vigo, sen ter daquela a cuarta quenda creada. A día de hoxe, coa cuarta quenda incluida, somos 5.800. En 2014 aplicáronse uns recortes económicos e sociais á totalidade da plantilla que non decaeron no actual momento de recuperación da senda de beneficios da empresa. A dúbida da sostenibilidade das pensións sempre estará vixente, por culpa das empresas que subscriben contratos de 4 horas con salarios de miseria e condicións sociais que non permiten ingresos para cubrir as necesidades básicas”, subliñan.

PSA Vigo/ Miguel Núñez

“A CUT manifesta o seu rexeitamento á entrega deste premio a PSA Vigo, aínda que, como diciamos, que o entreguen os economistas neoliberais que traballan para o capital e a banca non é de estrañar, porque esas son as políticas e os intereses que defenden. As que pón en práctica PSA Vigo. Quen non debe ser cómplice desta situación son aqueles e aquelas que representan á cidadanía, que deberían ao noso entender defender o emprego de calidade na comarca de Vigo e na Galiza: o Presidente da Xunta, o Alcalde de Vigo e mesmo a Presidenta do Congreso, xunto a outras autoridades políticas e sociais que participarán no acto de entrega deste galardón. Coa súa presencia son cómplices desta situación”; concluíron.

ÚLTIMAS

Falece un mozo en Vigo tras ter un accidente cunha carretilla elevadora

Un mozo de 24 anos de idade faleceu este xoves en Vigo tras sufrir...

Un ano de cárcere por deixar morrer de fame a cinco cans en Gondomar

Un home aceptou este xoves un ano de cárcere por deixar morrer de fame...

Nova imaxe gráfica do Marisquiño 2024, unha homenaxe aos adhesivos dos 90 no grafiti e ‘skate’

Os artistas Nano4814 e Sekone foron os encargados de deseñar a imaxe gráfica do...

Detido un mozo de 18 anos por roldar a vivenda dunha muller sobre a cal tiña unha orde de afastamento

A Policía Local de Vigo detivo na tarde deste pasado mércores a un mozo, S.G.B. de...