César Rodríguez é responsable do sector naval no sindicato CIG. Con el falamos da insostible situación de estaleiro Vulcano, incapaz de concretar carga de traballo por sí só, así como do naval vigués no seu conxunto.
O pasado outono criticaban desde o seu sindicato as mensaxes “extremadamente positivas” da patronal. Así, defenden que moitos dos encargos son de barcos pequenos, e que en todo caso resultan insuficientes como para garantir unha estabilidade de horas de traballo ao longo do tempo.
Polo tanto, aínda que recoñece certa recuperación trala crise, César defende que, salvo casos concretos como Freire ou Barreras, os estaleiros non teñen traballo “a anos vista”.
A situación do sector podería definirse como complexa. Estaleiros como Barreras veñen de concursos de acreedores, e a inestabilidade resulta un gran lastre posto que, sendo proxectos moi caros de millóns de euros, como advirte César, a vitalidade financieira é crucial.
Así, o estado de cousas leva a que “o 90% dos traballadores no sector son eventuais. Moitos (dos que traballaban no naval vigués) marcharon fóra ou a outros sectores e non queren regresar porque os contratos non son indefinidos. Mentres non se recupere a carga de traballo e teñamos traballo para agora e tamén para dentro de 2 ou 3 anos, as cousas serán difíciles”.
“A crise no sector incidiu moito nas condicións de traballo, que empeoraron, nos salarios, que non son atractivos. Tampouco se deron pasos desde as institucións, non se avaliou o que acontecía, e despois de 4 anos de parálise total produciuse un corte xeracional, non se formaron traballadores”, lamenta.
Destaca César que “o naval sempre foi cualificado como duro e altamente perigoso, para poder traballar tes que facer un curso de prevención. Agora, preocupa unha relaxación nas condicións, porque sempre ten que ver cun empeoramento da prevención. Foi sempre este un sector que deu exemplos de accidentes laborais graves, e foise corrixindo, pero se agora es eventual, compites por manter o teu posto de traballo e importa máis sacar o choio que como o fas…”
No estaleiro Vulcano xa van facer 5 meses sen cobrar. Todo depende da xuntanza co Concelleiro de Industria, antes do día 24 de xaneiro. “Verémonos as caras a dirección, os sindicatos e mais a banca (o Santander), a ver se sacamos este barco adiante”, defende César.
O ferry que está a construírse en Vulcano leva xa máis dun ano de traballo, e calcúlase que queda só un par de meses. Pero agora está parado e agárdase unha solución.
Este xoves 24 consitúe o tope máximo de espera que puxeron os traballadores. Esixen o pago dos 5 meses de salario que están sen cobrar, desde que a construción parouse polas desputas entre o estaleiro e o banco.
“Sabemos que xa houbo reunións entre a parte financieira e empresarial”, subliña César, “pero non coñecemos o estado das súas negociacións. Os traballadores sempre so os últimos en enterarse”.
“Non se pode falar de recuperación se non hai estabilidade, cando cortan chapas para un barco e os chapistas desaparecen porque non hai o seguinte, e para casa. E ao mellor outro día chega outro ou a mellor non. Iso non é carga real, os estaleiros estarán recuperados cando non se rompa a cadea produtiva“, conclúe.