InicioSociedadeDescobre cal é a principal causa de mortalidade de mulleres no mundo...

Descobre cal é a principal causa de mortalidade de mulleres no mundo e como combatela

É responsable de case un terzo das mortes de mulleres no mundo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Responsables de aproximadamente o 30% das mortes no mundo, as enfermidades cardiovasculares constitúen a principal causa de mortalidade entre a poboación feminina en España, a pesares de que “a maioría consideran” que se trata “dunha enfermidade típicas dos homes”, como sinalan as autoras e o autor do libro Educación para a saúde: Prevención cardiovascular en mulleres, un manual que pon o foco na importancia da educación para a saúde na prevención deste tipo de patoloxías.

A enfermeira e doutora pola Universidade de Vigo Ánxela Soto, a profesora da Facultade de Fisioterapia Raquel Leirós, o médico e profesor de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán e a docente da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense Reyes Pérez Fernández son as catro persoas responsables dun libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, que busca, como sinalan, introducir ás e aos diferentes profesionais sanitarios, co propósito de que poidan incorporalos á súa práctica asistencial diaria, “nos conceptos básicos de saúde pública e comunitaria”, así como dar a coñecer unha das estratexias máis importantes neste ámbito, como é a educación para a saúde, a través das que se busca modificar os comportamentos prexudiciais e promover condutas positivas entre a poboación.

Concretamente, o libro céntrase na prevención das enfermidades cardiovasculares entre a poboación feminina, tendo en conta ademais, como sinalan Soto e Leirós, que a menopausa implica “unha deficiencia das hormonas cardioprotectoras”, os estróxenos, o que fai que tralo cese definitivo da menstruación “o risco de presentar unha patoloxía cardiovascular sexa igual ou mesmo superior ao dun home”.

De aí que o libro incida na importancia de concienciar á poboación feminina do risco de padecer este tipo de patoloxías, así como de “estimar o risco cardiovascular da poboación feminina nesta etapa, antes de que aparezan manifestacións clínicas, para poder iniciar estratexias preventivas”.

Ánxela Soto, José Luis García Soidán e Raquel Leirós son tres dos autores deste libro/ Duvi

Os conceptos de saúde pública e comunitaria e de educación para a saúde, como “a mellor estratexia preventiva e de promoción da saúde da que dispoñemos os profesionais sanitarios” centran os dous primeiros capítulos dun libro que nese senso pon o foco en como as e os profesionais da medicina, a enfermaría ou a fisioterapia poden achegar “diferentes coñecementos ou estratexias de intervención” en materia de prevención e promoción da saúde.  Non en van, “para que a educación para a saúde sexa efectiva, esta debe ir dirixida a un grupo moi específico”, xa que os programas “deben estar deseñados de maneira individualizada atendendo as características propias deste grupo”, sinalan Raquel Leirós e Ánxela Soto, que centrou a súa tese de doutoramento, defendida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, en coñecer as melloras que, neste ámbito, unha intervención educativa podía achegar ás mulleres perimenopáusicas.

Tras reunir, en primeiro termo, “un resumo dos modelos teóricos máis relevantes que teñen como finalidade a modificación de comportamentos da vida diaria dos individuos para reducir o risco de padecer unha enfermidade”, definidos cada un deles por unha serie de “fases organizadas que os individuos deben seguir para establecer unha nova conduta”, o libro detense na existencia de factores de risco cardiovascular tanto non modificables como modificables. Entre os primeiros, sinalan Soto e Leirós, atoparíanse  a idade, a xenética, os antecedentes persoas, a raza ou etnia e o sexo, mais existen tamén outra serie de condicionantes como “a hipertensión, a alteración dos lípidos, a diabetes, a obesidade e a graxa visceral, o sedentarismo, os hábitos tóxicos e os factores psicosociais, como por exemplo o estrés laboral ou familiar”, que si se poderían combater coa educación para a saúde; factores aos que se suman, no caso concreto das mulleres, outros de carácter específico, como os anticonceptivos orais e a menopausa.

Partindo dese marco, a publicación fai énfase en que “para a prevención das enfermidades cardiovasculares é necesario modificar os estilos de vida”, recollendo unha serie de recomendacións como a importancia de seguir unha dieta equilibrada, “combinando todos os nutrientes de maneira axeitada, reducindo o consumo de graxas saturadas (aceite de coco e de palma) e aumentando o consumo de ácidos graxos insaturados (peixe azul, aceite de oliva virxe extra, froitos secos, etc), así como aumentar o consumo de alimentos de orixe vexetal, como verduras, legumes ou cereais.

Ao mesmo tempo, sinalan Soto e Leirós, “é imprescindible combinar estas recomendacións dietéticas con exercicio físico”, dado os seus “numerosos beneficios a nivel fisiolóxico”, como a “mellora do perfil lipídico” e a redución do sobrepeso, pero tamén polas melloras que supón “a nivel psicolóxico e mental”. A súa vez, “non menos importante” resulta concienciar da “relevancia de reducir os hábitos tóxicos como o alcol e o tabaco”, ámbito no que, a xuízo das autoras e autor do libro, as e os profesionais sanitarios poden xogar un importante papel á hora de axudar e motivar ás pacientes.

ÚLTIMAS

Incautados en Tahití case 524 quilos de cocaína nun pesqueiro con base en Vigo

A Mariña francesa incautouse dun alixo de 524 quilos de cocaína atopado nun barco pesqueiro con...

Abel Caballero saca peito do feito no ano 2024, “o mellor ano na historia de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do 2024, "o mellor ano na historia...

Defensa da Sanidade Pública denuncia que o contrato da Xunta con Povisa “consolida a privatización hospitalaria”

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que o contrato con...

OPINIÓN.- Vigo e a construción da paz mundial

A construción dunha Europa internacionalista e pacífica require unha profunda transformación nas dinámicas de...