InicioMedio Ambiente e PatrimonioA UVigo estuda como aproveitar os residuos de eucalipto, ao que pertencen...

A UVigo estuda como aproveitar os residuos de eucalipto, ao que pertencen a maioría das cortas de madeira en Galicia

PUBLICADO O

- Advertisement -

A súa dureza e elevadas porcentaxes de cloro dificultan obter produtos enerxéticos de alta calidade a partires de restos de eucalipto, a árbore á que pertencen máis do 50% das cortas de madeira realizadas en Galicia nos últimos anos.

Ese é precisamente un dos propósitos centrais do estudo que, xunto á empresa Nefab, desenvolven investigadores do Laboratorio de Xiloenerxías da Escola de Enxeñaría Forestal e que ten como punto de partida a busca dun maior e mellor aproveitamento dos residuos xerados polo uso destas árbores para a fabricación de contrachapado.

“O obxectivo da primeira fase deste traballo era tratar de optimizar todos os residuos ou subprodutos”, sinala o catedrático Luis Ortiz dunha investigación que parte de tres tipos de residuos xurdidos da propia actividade industrial de Nefab, un grupo fundado en 1949 que subministra solucións completas de embalaxe para produtos industriais, fundamentalmente para os sectores de telecomunicacións, enerxía, aeronáutica, automoción, industria e electromedicina.

Por unha banda, a madeira dos cortes que se realizan á arbore para convertela nun cilindro do que ir extraendo láminas de madeira; por outra, os cortes máis superficiais que se fan ao tronco cando comeza o proceso de “desenrolo” para obter esas láminas, e, por último, a parte central do tronco, “o corazón da árbore”, peza resultante tralo remate do proceso de extracción das láminas.

Óscar González-Prieto, Luis Ortiz, Juan Luis Rodríguez Somoza e Antonio Vázquez/ Duvi

“O que fixemos foi caracterizar eses tres subprodutos, porque aínda que todo parte da mesma árbore, vense diferencias significativas na composición química, no contido de cinsas, nos niveis de humidade…”, explica Ortiz dun estudo que, a partires de aí, centrouse na transformación física destes residuos co propósito de avaliar as súas posibilidades como produtos utilizables en caldeiras, converténdoos primeiro en estelas e tratando posteriormente de densificalos. A biomasa para uso enerxético de maior valor no mercado pode situarse nos 220 euros por tonelada fronte aos “20 ou 40 euros por tonelada das estelas de baixa calidade”.

Esa caracterización físico química permitiu aos investigadores da EE Forestal constatar “diferencias moi significativas” entre os diferentes residuos, de tal xeito que se ben os procedentes das partes máis superficiais das árbores, teñen un “uso máis limitado” desde o punto vista enerxético, pola súa composición química e pola presenza de cortiza; no lado contrario destacaba o potencial do “rulo ou bolo”, a parte máis central da árbore, unha “madeira xuvenil”, que ata o de agora se viña comercializando como leña, “como un produto de baixo custo”.

O eucalipto medra/ Miguel Núñez

Trátase, como sinala Ortiz, “dun produto moi limpo, que non ten practicamente cinzas, no que practicamente non hai potasio nin sílice”, compostos que favorecen a aparición de problemas nas caldeiras e que, pola contra, contaba cunhas “cantidades bastante razoables de calcio e magnesio”, que contribúen a que “a combustión se faga sen escorras e a que as temperaturas de fusión sexan superiores”.

Así, se ben os resto de residuos só darían lugar a produtos “de mala calidade ou calidade media”, os rolos centrais poderían servir como materia prima para biomasas de alta calidade, posto que salvan tamén a principal problemática pola que o eucalipto non se emprega para a fabricación de pélets, a presenza de cloro, “que soe ser máis elevada do que os estándares establecen para un pélet de primeira calidade”. Estas pezas, engade Ortiz, presentaron “unhas “cantidades de cloro moi por debaixo” deses parámetros, o que quere dicir que “este produto ten moitas posibilidades de utilizarse como estelas enerxéticas ou mesmo como pélets”.

Eucalipto cortado tralos incendios de 2017/ Miguel Núñez

Non obstante, o estudo tamén permitiu pór o foco nas problemáticas que dificultarían o seu aproveitamento para este fin, como as altas porcentaxes de humidade derivadas do procesado previo dos troncos e o feito de que se trata “dunha madeira moi dura, cunha densidade por riba dos 1000 quilos por metro cúbico, fronte aos 600 que pode ter un piñeiro”, o que provoca uns “consumos enerxéticos moi altos” á hora de moelo e compactalo. De aí que a segunda fase que os investigadores pretenden desenvolver con Nefab teña entre os seus eixos avaliar posibles mesturas destas pezas de eucalipto con aglomerantes como a fariña de millo ou a lignina, co propósito de facilitar ese proceso de compactado, así como a súa combinación con outras especies como o piñeiro, que ten tamén “un poder calorífico máis elevado que o de eucalipto”.

Esta primeira colaboración, desenvolvida a través dun contrato de investigación con Nefab, grupo que conta con preto de 2400 empregados en Europa, América e Asia, abrangueu tamén o estudo das posibilidades que tería o uso desta madeira central directamente como material para a fabricación de valados ou mobiliario exterior, análise que correspondeu ao investigador do Laboratorio de Madeiras Óscar González-Prieto. Análises que o levaron a constatar que as características de “baixa durabilidade e pouca impermeabilidade” destas pezas fagan que estas “non sexan as óptimas para ese emprego final”, facendo precisos “tratamentos especiais” para poder optimizar o seu uso como madeira maciza.

Operarios talan o eucalipto queimado en Coruxo / Miguel Núñez

Non obstante, o propósito desta colaboración con Nefab pasa por, como sinala Ortiz, continuar avanzando en diferentes liñas de traballo centradas en optimizar os usos dos diferentes subprodutos derivados da fabricación de contrachapado.

Así, entre as propostas articuladas polos investigadores para continuar este proxecto figuran tanto melloras na maquinaria para producir estelas, como o estudo de diferentes posibilidades de secado destes residuos, xunto con diferentes probas para xerar pélets capaces de obter as certificacións de maior calidade.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...