InicioMovementos SociaisVigo prepara unha manifestación para que a Xunta asuma responsabilidades da súa...

Vigo prepara unha manifestación para que a Xunta asuma responsabilidades da súa política sanitaria

Este xoves 27 sairá do antigo Hospital Xeral de Vigo unha gran manifestación para mudar as condicións asistenciais de sanidade pública galega.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A central sindical CIG-Saúde vén de chamar a toda a cidadanía da comarca de Vigo a participar na manifestación convocada para este xoves 27 de decembro, co obxectivo de esixir unhas condicións laborais e unha atención sanitaria de calidade na Atención Primaria.

A marcha tamén se convoca en apoio dos 25 xefes/as de servizo e unidade que presentaron a súa dimisión hai dúas semanas en protesta pola situación na que se atopa a Atención Primaria desta área sanitaria.

A manifestación, que discorrerá baixo o lema “Pola Dignidade na Atención Primaria”, sairá ás 20:00 horas do PAC situado na rúa Pizarro (antigo Hospital Xeral), pasará pola Praza dos Cabalos e seguirá por Gran Vía e Urzáiz para rematar na rúa Príncipe.

A CIG-Saúde de Vigo considera que o Goberno galego ten que asumir de xeito inmediato as responsabilidades polo fracaso da súa política sanitaria e apostar de maneira decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo das e dos profesionais. Para a central sindical a actual situación require dunha resposta global ao conxunto da Atención Primaria que pasa por un compromiso político do máximo nivel para dotar de recursos humanos aos nosos centros de saúde e PAC.

PACs en pé de guerra/ Miguel Núñez

Para lograr este obxectivo, a CIG-Saúde propón, entre outras medidas, incrementar o orzamento dedicado á Atención Primaria, “de xeito que permita incrementar o número de profesionais con contratacións estábeis, cubrindo as necesidades reais con prazas estruturais e realizando unha Oferta Pública de Emprego do 100% das prazas realmente existentes, rematando cos efectos perversos da taxa de reposición”.

Ademais, esixen unha resposta satisfactoria para “as demandas dos e das profesionais dos PAC, que levan máis de seis meses de conflito e que, diante da pasividade da Administración, teñen convocada unha folga que non é máis que un sinal de desesperación diante da súa incapacidade para dar resposta á atención continuada, ás urxencias e ás emerxencias que se producen”.

Ana Pontón e Xabier P. Igrexas/ BNG

Asimesmo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou hoxe mércores na cidade de Vigo, no acto de presentación da campaña en defensa da Sanidade pública galega e apoio á manifestación que terá lugar mañá xoves 27 na cidade olívica contra os recortes e privatizacións.

A portavoz do BNG cualificou de “irresponsable” unha política “que xoga coa saúde das persoas”, pero o PP e Feijóo, dixo, “continúan na senda das privatizacións e recortes como acontece en Vigo con 400 camas menos no Hospital Álvaro Cunqueiro. Un hospital, que por outra banda vai costar a todos os galegos e galegas “tres veces máis” porque o PP impediu que fose unha infraestrutura pública”, denunciu.

A nacionalista salientou que a dimisión de 25 Xefes de servizo na Área sanitaria de Vigo de Atención primaria son “o resultado do malestar dos e das profesionais que non poden administrar “a miseria” á que está conducindo o Partido popular a nosa sanidade”.

Pontón criticou duramente as declaracións de Feixóo referíndose a tensión que está creando a oposición ao que a nacionalista replicou que “non é a oposición quen tensiona a sanidade, esa tensión a provoca a política que recorta medios, persoal médico e sobre todo quen non ten capacidade para dialogar e escoitar os problemas dos profesionais”.

Pontón avogou por un plan en Atención primaria con 200 millóns de euros para contratar máis persoal, acompañado dun plan de estabilidade para todas esas persoas que traballan en precario, así como facilitar o retorno dos e das profesionais que se viron obrigados a buscar traballo fora da Sanidade pública e do noso país. “Resulta evidente que o Consellerio de sanidade é parte do problema pero non chega coa súa dimisión, é necesario cambiar a política sanitaria”, concluíu.

Pola súa parte, o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, manifestou que Vigo é un exemplo de como a política do Partido popular é unha “seria ameaza para a saúde”.

Abel Caballero, en rolda de prensa/ Miguel Núñez

“Non hai médicos que queiran traballar aquí, non ofertan contratos atractivos, rozan a escravitude, non temos traballadores suficientes para ofrecer á poboación a cobertura sanitaria”.

Elisa Ausín Rodríguez, médico de Familia en centros de saúde desde 2002, ou como ela mesma definiuse médico especialista en urxencias extrahospitalarias, compareceu no Pleno da Corporación Municipal deste mércores para explicar a situación actual da Atención Primaria e dos PACs na área de Vigo.

A intervención da doutora acabou coa votación por parte da Corporación dunha proposta do alcalde, Abel Caballero, para apoiar a marcha convocada para este xoves ás 20:00 horas desde o Xeral. A proposta foi apoiada polos concelleiros do PSOE e da Marea, mentres que o PP non votou e mostrouse a súa disconformidade co procedemento por non estar previsto na orde do día.

Previamente, Elisa Ausín describiu a situación diaria que padecen os traballadores da atención sanitaria. “A política sanitaria de recortes da Xunta levounos a esta situación, non hai médicos e a previsión apunta a que va a ir a peor nos vindeiros anos”, sinalou.

A doutora tamén puxo de manifesto o “estrés e ansiedade que provocan baixas laborais, é a pescada que morde a cola”. Igualmente, relatou o que eles denomina como “axenda chicle”, posto que comezan a xornada con 37 citas e poden acabar atendendo a 67 pacientes.

“Privan aos traballadores dos servicios básicos e negan dereitos, temos os complementos conxelados no soldo desde hai dez anos, a atención é excelente gracias ao esforzo de uns traballadores que están ao borde da extenuación“, dixo Elisa Ausín.

O alcalde, Abel Caballero, definiu a intervención como “clara e brillante” e o edil Rubén Pérez amosou o apoio do grupo municipal da Marea de Vigo aos traballadores da sanidade para manifestarse este xoves polas rúas de Vigo.

Pola súa banda, o concelleiro Ángel Piñeiro explicou que o modelo organizativo actual “deu cobertura a miles de galegos, co esforzo de todos os profesionais e coa creación de centros de saúde, logrou un gran cambio na sanidade viguesa co novo hospital e a xerencia única”.

O socialista Cayetano Rodriguez indicou que “non falamos dunha crise de profesionais, é algo máis, é unha crise global, sistémica da sanidade pública en Galicia” e sinalou que “non pasa en todos os sitios, se os profesionais marchan de Galicia é porque a condicións de contratación son peores que en outros sitios, as evidencias o avalan, o demais é mentir”.

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

Un accidente múltiple provoca colas quilométricas na AP-9 á entrada de Vigo

Un accidente múltiple, no que ata catro vehículos víronse implicados, provocou na tarde deste...

Un proxecto da UVigo realiza traballos na ‘raia’ para diminuír o risco de grandes incendios

O proxecto Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo),...

Convocada unha manifestación por Resposta Feminista polo 25N en Vigo para que “a vergoña cambie de bando”

Resposta Feminista, unha plataforma nada en Vigo coa vocación de convocar mobilizacións unitarias do...