A socióloga independente e docente universitaria na Universidade de Vigo Silvia Pérez Freire vén de gañar o premio á mellor tese de 2018 sobre violencia de xénero, un galardón concedido polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, pola investigación desenvolvida na USC baixo o título ‘Vitimización da trata sexual: imaxinarios e invisibilización’.
Pérez Freire analiza na súa tese de doutoramento como a prostitución “se constitúe como un sistema global de grandes beneficios económicos no que a trata sexual é unha forma máis de captación de continxentes femininos para a súa retroalimentación”.
De feito, a trata convértese no chivo expiatorio para non afrontar o fenómeno da prostitución e con elo, aspirar a eludir a nosa responsabilidade social co fenómeno: “A trata sexual como mecanismo de ocultación da prostitución implica outra manifestación da violencia de xénero”, afirma Silvia Pérez Freire, que no segundo cuadrimestre do curso conducirá a materia Políticas de xénero e xestión cultural do marco do Máster Universitario en Servizos Culturais impartido pola USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.
A investigadora aglutina na súa tese de doutoramento, dirixida por José Luis Pintos de Cea Naharro, preto de 70 testemuñas dos denominados observadores de primeira orde, tales como o son institucións públicas, corpos e forzas xurídicas e policiais (garda civís, policías nacionais, fiscais…), Ong´s de acreditada experiencia na materia, expertas, puteros e vítimas.
Estas achegas ofrecen unha cosmovisión da que se extraen os imaxinarios sociais da prostitución e da trata sexual. “O non recoñecemento do dano que produce a prostitución nas mulleres xera un estado de indefensión no que se está enquistando a vitimización, invisibilizándoa”, subliña.
“Neste proceso non hai tránsito para as vítimas de trata sexual: son invisibles ou hipervitimízanse, o que anula o sentido crítico e ético sobre o fenómeno”, conclúe a investigadora, profesora de Socioloxía na Universidade de Vigo desde hai máis dunha década.
Alén do seu cometido como docente universitaria, Silvia Pérez Freire é socióloga independente que imparte tamén formación en xénero para a Escola Galega da Administración Pública, ademais de consultora técnica en investigación social para diversas Universidades e xestora de proxectos socioculturais a través da empresa Rizoma social, da que é socia fundadora e directora.