InicioMedio Ambiente e PatrimonioO campus da Universidade de Vigo, un paraíso para os fungos a...

O campus da Universidade de Vigo, un paraíso para os fungos a un paso da cidade

PUBLICADO O

A humidade, a choiva e a súa localización fan do campus de Vigo un lugar privilexiado para todas aquelas persoas interesadas na biodiversidade e, sobre todo, nas especies vexetais.

Para potenciar e dar a coñecer os recursos naturais presentes na contorna do campus, a vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria organizou, un ano máis, o obradoiro de identificación práctica de cogomelos.

O taller, que se veu desenvolvendo nos últimos meses, encheu as súas 24 prazas dispoñibles con perfís moi variados, dende amantes da gastronomía ata persoas que buscan unha aprendizaxe con base científica; dende alumnado de diferentes titulacións e persoal da Universidade ata persoas alleas á institución.

A micoloxía, a ciencia que estuda os fungos, non é sinxela, como sinalan Marisa Castro e María Cabaleiro, docentes do obradoiro e investigadoras no Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo.

“Para apañar cogomelos con seguridade precísase coñecer especies tóxicas similares ás comestibles máis importantes, así como o hábitat e a época do ano na que aparecen, non só das especies comestibles”, afirman.

Para isto, o taller densevolveuse ao longo das semanas incluíndo tanto sesións teóricas como prácticas, combinando saídas de campo, identificación de cogomelos no laboratorio e formación teórica mediante charlas.

A Asociación Micolóxica Os Cogordos colabora nunha andaina da UVigo en Ourense. Na imaxe, José García-Calvo/ Duvi

No campus de Vigo hai moita diversidade de cogomelos dado que o terreo comprende numerosos hábitats onde se recollen fungos, tamén coñecidos co nome de micotopos, moi diferentes en canto a vexetación, temperatura e humidade do solo.

De feito, os cogomelos que se empregan durante o curso apáñanse por todo o campus e unha vez identificados, se non hai ningún exemplar que interese conservar no laboratorio, volven ao mesmo sitio de onde se apañaron, xa que alí deben continuar a súa función biolóxica.

Para poñer en valor esa biodiversidade, dende hai dous anos o grupo de investigación MicoUVigo está a elaborar un catálogo exhaustivo da diversidade fúnxica do campus, un inventario que xa supera neste intre “as 100 especies identificadas e publicadas”, explican as investigadoras.

A crenza de que coñecendo catro especies xa se poden apañar cogomelos para comer é algo contra o que, dende o Laboratorio MicoUvigo e da spinoff asociada, MycoGalicia Plantae, están intentando loitar.

“Pensamentos simples son os que levan a que, por exceso de confianza ou descoñecemento, haia cada ano intoxicados por consumo de cogomelos”, recalcan dende o laboratorio.

As expertas recomendan cumprir a lexislación (DL 50/2014 do 10 de abril) para aproveitamento de cogomelos vixente en Galicia e, a maiores, dan tres consellos: coller só aquilo que se coñece, separar as especies que se coñecen das posibles tóxicas nun recipiente aparte e, por último, fixarse ben nas características dos fungos, o lugar onde se colle e en que época do ano para evitar posibles confusións.

Amanita muscaria, especie velenosa/ Duvi

Con todo, e a pesar de que o gastronómico é o máis estentido, os cogomelos teñen numerosos usos. Como explican as docentes “son menos coñecidos e van dende complementos alimenticios (micoterapia) ata domésticos ou forestais”.

Na que se refire á micoterapia, destacan, moitas das especies que se utilizan como suplementos alimenticios poden atoparse silvestres pero a maioría cultívanse. Outros dos usos coñecíanse xa na antigüidade, cando xa se empregaban en Galicia algunhas especies de cogomelos para elaborar antiirritantes ou hemostáticos, para fabricar tintas, para matar moscas… E nalgunhas zonas de Europa usábanse mesmo para confeccionar obxectos decorativos e tecidos.

Este obradoiro, que xurdiu como unha necesidade por parte do alumnado do grao de Bioloxía, comezou a súa andaina no ano 2015 coa colaboración da docente e experta en micoloxía, Marisa Castro e membros do Grupo Micolóxico Galego e, a partir do 2016, un grupo de alumnado egresado e que mantén contacto co laboratorio, fíxose cargo da docencia xunto coa profesora.

Non obstante, estes obradoiros evolucionaron moito ao longo dos anos e “pasaron de ter moita parte teórica a centrarse máis na parte práctica, na identificación, polo que agora as e os asistentes teñen unha maior preparación para recoñecer e aprender a usar ferramentas ás que poderán acudir sempre que o precisen”, conclúen as expertas.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...