InicioPolíticaBNG insiste en que os parques de bombeiros de Vigo operan por...

BNG insiste en que os parques de bombeiros de Vigo operan por horas extra

Os nacionalistas aseguran que, malia as declaracións de Abel Caballero, o mínimo de efectivos é de 20, e a cidade non cumpre sen reforzos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do BNG en Vigo saíu este venres ao paso das palabras do alcalde nas últimas horas, cando Abel Caballero asegurou que os parques de bombeiros “cumpren sobradamente” coa dotación mínima necesaria para funcionar e negou que ese mínimo fóra de 20 bombeiros.

Tras esas manifestacións do rexedor, que chamou “mentireiros” a BNG e PP por denunciar que o servizo municipal non chega a ese número mínimo, o portavoz do grupo nacionalista lembrou que existe un acordo da Xunta de Goberno de 2010 e un informe do xefe de bombeiros máis recente, de abril de 2024, nos que os responsables do servizo estipulan que 20 é o número de efectivos necesarios como mínimo para que este servizo poida funcionar de forma ordinaria.

De feito, no informe de abril de 2024, que se elaborou no marco da negociación do acordo para realizar horas extras neste servizo (un programa de reforzo voluntario negociado precisamente polos problemas de falta de efectivos), o xefe de bombeiros sinala que o número “óptimo” sería de 22 ou 23 bombeiros, pero o mínimo ordinario fíxase en 20 funcionarios. Este informe contou coa conformidade da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez. Respecto diso, o edil do BNG tamén lembrou que foi o propio goberno local o que reduciu de 24 a 20 o número mínimo de efectivos imprescindibles, nun acordo de maio de 2010.

Nas últimas horas, tanto o rexedor como a edil de Seguridade aseguraron ante os medios que ese número non é válido, senón que os efectivos necesarios responden a criterios técnicos. Segundo eses criterios, ese número sería de 16 bombeiros, aínda que dita cifra non aparece reflectida en ningún documento, segundo os nacionalistas.

PARQUES ABERTOS “GRAZAS ÁS HORAS EXTRAS”

Con todo, Pérez Iglesias advertiu de que, se fose así, a cidade tamén incumpriría ese mínimo de 16 efectivos en numerosas xornadas. Por iso, o BNG vai solicitar ao goberno local ter acceso á relación de bombeiros que estiveron activos en cada xornada desde o 27 de agosto do ano pasado (momento en que se iniciou o programa de reforzos voluntarios).

A realidade que nega Abel Caballero é que os dous parques de bombeiros da cidade están abertos grazas a que se están facendo moitas horas extra por causa do insuficiente número de bombeiros”, sinalou o concelleiro do BNG, que esixiu ao rexedor que “deixe de enganar e manipular” e volveu a advertir de que “Vigo sen bombeiros non é segura”.

ÚLTIMAS

Rueda reúnese cos responsables de Conxemar para impulsar o sector da pesca transformada en Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou esta semana un encontro na...

Xulgan en Vigo unha muller acusada de estafar 6.800 euros cun falso aviso dun “fillo en apuros”

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará o...

A RAG abre en Vigo a Semana das Letras Galegas coa proxección dun documental sobre Begoña Caamaño

A Real Academia Galega (RAG) abre este luns en Vigo, cidade natal da homenaxeada...