InicioMedio Ambiente e PatrimonioA UVigo inaugura unha exposición permanente de minerais doada polos herdeiros de...

A UVigo inaugura unha exposición permanente de minerais doada polos herdeiros de Manuel de Sas

Esta mostra foi reunida durante anos por este doutor e socio fundador de Povisa, e seguirá medrando grazas ás achegas da comunidade universitaria.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Coincidindo co día de celebración da súa patroa, Santa Bárbara, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, inaugurou este martes a exposición permanente de minerais cedida polo doutor Manuel de Sas de la Encina.

O acto estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e polo concelleiro Jaime Aneiros, xunto coa directora do centro, Elena Alonso e unha boa parte da familia de Manuel de Sas, incluíndo fillos e fillas, netos e netas e mesmo bisnetos e bisnetas, ata un total de 19 persoas.

A mostra xorde da doazón á EE de Minas e Enerxía da colección de minerais e pedras preciosas por parte dos herdeiros do doutor Manuel de Sas de la Encina, socio fundador do hospital Povisa.

Exposición na EE de Minas e Enerxía/ Duvi

Esta colección estivo exposta nas instalacións do centro médico durante 22 anos ata que a familia a doou á Universidade de Vigo. Consta de arredor de 200 exemplares, algúns deles “únicos e de gran beleza natural, incribles cores, asombrosas texturas e formas sorprendentes”, como explican dende o centro académico.

O seu fillo Antón deu as grazas en nome da familia e explicou que a inauguración desta mostra sería o “soño cumprido” dun home “singular e polifacético”. Como afeccionado á mineraloxía, lembraba, formou esta colección grazas a numerosas viaxes ao longo do mundo durante toda a súa vida e, tras elas, foina completando “con ilusión e esforzo ata o seu falecemento”.

Segundo o seu fillo, “cada peza ten a súa historia e el encantáballe contalas, relatar onde conseguira cada unha” e, por este motivo, o seu pai quixo dar un paso máis para que colección estivese a disposición de toda a sociedade, como sucederá a partir de hoxe.

Exposición na EE de Minas e Enerxía/ Duvi

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, expresou o agradecemento da institución académica tanto á familia como a Povisa pola cesión e remarcou que esta colección é resultado do “esforzo e a curiosidade intelectual de Manuel de Sas”, valores que son os que a propia Universidade “quere espertar na nosa xuventude, esa curiosidade científica, esa necesidade de saber e de espallar o coñecemento”.

Coincidía na reflexión a directora da escola, Elena Alonso, que remarcaba que “o que comezou como unha afección acabou sendo paixón polo coleccionismo de minerais e pedras preciosas” e esta faceta de Manuel de Sas “representa un dos valores esenciais para unha comunidade universitaria, o afán por coñecer e por descubrir, o valor do esforzo constante, continuado, paciente e sistemático, común ao investigador e ao coleccionista”.

Ademais das pezas doadas polo doutor De Sas, a esta mostra súmanse exemplares cos que conta a escola, rochas e minerais procedentes de fondos propios, doazóns de particulares e exemplares recollidos por estudantes do centro e pezas da Sociedade Mineralóxica Galega, “para conformar unha exposición permanente que está accesible a toda a sociedade no campus vigués, como era o desexo do doutor De Sas”.

Esta exposición nace ademais cunha clara vontade de crecer e concíbese como unha mostra dinámica, que se irá enriquecendo con novas achegas de materiais e se completará coa organización de actividades paralelas.

ÚLTIMAS

Vigo pide o cesamento da conselleira de Medio Ambiente pola súa “irresponsable xestión” da presa de Eiras

O pleno de Vigo aprobou, cos votos a favor dos socialistas e a abstención...

Buscan en Nova Zelandia a un mariñeiro galego que viaxaba a bordo dun palangreiro con base en Vigo

Efectivos de procura tratan de localizar a un mariñeiro galego, un xefe de máquinas...

Trasladada ao hospital con queimaduras unha veciña de Vigo tras un incendio na súa vivenda

Unha veciña de Vigo foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro ao resultar ferida, con...

Vigo tomado por miles de “papanoeles” con fins solidarios

A tradicional "Papanoelada" de Vigo volveu a encher a cidade olívica de vehículos de...