A Asociación Animalista Libera quere que o Concello de Vigo de un xiro de 180 graos nas súas políticas municipais, e espuxo cambios nas contas de 2019 “para incluír, por primeira vez, propostas relacionadas directamente coa convivencia e a verdadeira protección dos animais”.
A través de novas partidas económicas, por valor total de 50.000€, os animalistas espoñen a creación de zonas de convivencia, que funcionan con éxito en cidades como A Coruña, Barcelona ou Zaragoza, programas de xestión integral de colonias felinas, campañas de sensibilización e unha convocatoria anual de axudas para entidades protectoras.
Neste sentido os defensores dos animais subliñan que o custo real das propostas sería de 15.000€ sobre o orzamento da maior cidade de Galicia, xa que solicitaron a supresión de dous conceptos de gasto: o aluguer de cabalos para a Policía Local, que custa nada menos que 33.000 euros só nos meses estivais e a compra de animais para o Zoo, con 2.000€.
LIBERA! advertiu que “Vigo non aplicou política algunha innovadora na última década, cunha Ordenanza de Tenencia de Animais modificada de forma estética para permitir o acceso de animais a varias praias que, ademais, xeran graves conflitos coa fauna silvestre, ou mantendo a ameaza de sancións a quen alimenta animais na rúa, como os gatos”.
De forma paralela os animalistas entenden que o pleno debe abordar a elaboración dunha nova norma local de protección e convivencia, tendo en conta que a Lei de Benestar Animal de Galicia xa sumou o seu primeiro ano desde a entrada en vigor.