O Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) vén de analizar con directivos das Asociacións de Veciños de Teis e Chapela a situación xerada pola dilación por parte do Ministerio de Fomento de executar a comprometida eliminación da peaxe entre Vigo e Redondela.
Na reunión, na que estivo presente o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Transportes Discrecionales de Mercadorías de Pontevedra (Asetranspo), Ramón Alonso, tamén participaron José Marcial Pérez Abreu, Juan Morais Balbín e Manuel Cabaleiro Durán, presidente, vicepresidente e vogal da AVV de Chapela, respectivamente; e Antonio Collazo Collazo, Anxo Igrexas Covelo e Roberto Alonso Pérez, presidente, secretario e vogal da AVV de Teis, respectivamente.
“Esta reunión vén demostrar que os empresarios estamos aliñados cos representantes da sociedade civil neste asunto. A todos prexudícanos que se continúe penalizando a actividade económica e os desprazamentos por unha AP9 cada vez máis cara, con obras inconclusas e sen data de eliminación dunha peaxe comprometida fai xa case un ano. Para as empresas é un ataque á liña de flotación da súa competitividade que non estamos dispostos a desculpar nin a esquecer”, subliñou Jorge Cebreiros.
Entre outros asuntos, os representantes empresariais e os veciñais valoraron como imprescindible que a Xunta de Galicia reciba a titularidade da AP9.
“A transferencia da principal arteria de comunicación viaria de Galicia non pode demorarse máis. Non é de recibo que, desde Madrid, e sen coñecer a realidade nin as súas repercusións, sigan ninguneando aos empresarios e aos cidadáns de Vigo e a súa área de influencia”, expuxo o presidente da CEP.
Empresarios e representantes veciñais coincidiron na necesidade de que as administracións públicas se comprometan a formalizar no menor prazo de tempo posible unha proposta firme que garanta a creación dos accesos á AP9 a través de Torres de Padín e a Avda. de Buenos Aires, interconectando a contorna urbana coa autoestrada, o cal contribuiría a liberar de tráfico pesado moitos tramos que actualmente carecen de conexións alternativas.
Na mesma liña, os representantes veciñais expuxeron á CEP a súa reclamación para lograr o compromiso das administracións públicas de aprobar medidas de redución de contaminación acústica tamén en Teis.
Cabe lembrar que en Chapela xa están aprobadas. “Agradecemos ter a oportunidade de intercambiar impresións cos empresarios, cos que compartimos o prexuízo causado polo incumprimento do Ministerio de Fomento. O entendemento foi absoluto e a reunión cumpriu coas nosas expectativas”, indicou Pérez Abreu. A CEP e Asetranspo comprometéronse a colaborar coas AAVV de Teis e Chapela en próximas accións e reclamacións.