InicioMedio Ambiente e PatrimonioTriunfan os primeiros tests do proxecto FireRS da UVigo, que pode revolucionar...

Triunfan os primeiros tests do proxecto FireRS da UVigo, que pode revolucionar a loita contra incendios

O FireRS é un proxecto punteiro para detectar os incendios e anticiparse ao seu comportamento.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A pouco máis dun mes para o lanzamento do picosatélite LUME-1, o proxecto FireRS segue completando fases e realizando probas para testar as diferentes tecnoloxías. Este venres a localidade de Silleda foi o escenario dun simulacro de incendio que permitiu probar os sensores infravermellos de terra que permiten a detección remota temperá do lume.

Cando o sistema estea completo, estas cámaras termográficas que detectan os focos de calor deberán enviar a información ao LUME-1, pero nesta ocasión os datos foron remitidos directamente ao camión do posto de mando móbil da Axencia Galega de Emerxencias.

“O simulacro foi un éxito”, explica Pablo Izquierdo, investigador da Área de Enxeñaría Mecánica e membro do grupo CIMA, “colocamos os sensores nunha torre de vixilancia e detectaron perfectamente os focos de lume, transmitindo a información para poder proceder á súa extinción”.

Cando o sistema estea completo, permitirá a detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación do uso de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite cubesat (LUME-1); unha flota de vehículos non tripulados (UAVs), un centro de control e un software de modelado e predición de incendios.

Simulacro de lume/ Duvi

O FireRS (WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System) é un proxecto europeo coordinado dende Vigo pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA no que participan tamén a Universidade de Porto e o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulouse.

O proxecto ten un orzamento de dous millóns de euros e o seu obxectivo é crear unha ferramenta que sexa quen de realizar unha detección temperá e achegar información en tempo real dos lumes forestais aos servizos de emerxencia.

Para iso estase a implementar un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais. Deste xeito, o FireRS xera e comparte cos medios de control información sobre a extensión, focos e perímetro do incendio, parámetros meteorolóxicos, posición GPS, perigos próximos, mapas cartográficos de vexetación, mapas dixitais de elevación do terreo e imaxes en tempo real.

O obxectivo do proxecto é que grazas a estes datos se poidan realizar en tempo real unha avaliación e predición do comportamento do lume, co fin de trasladar toda a información xerada ás centrais de coordinación e servizos de emerxencia competentes, para acadar maiores estándares de eficacia e eficiencia no uso dos recursos públicos encargados de xestionar a emerxencia.

ÚLTIMAS

PSOE e Vox votan a favor dun novo trazado da A-52 co voto en contra do BNG e a abstención do PP

PSOE e Vox votaron en contra dunha iniciativa na Comisión de Transportes do Congreso...

Caballero irá “xunto” coa RFEF para que Vigo sexa sede do Mundial pero avisa: “Ten que ser rápido”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou o ofrecemento de colaboración da Real Federación...

A Xunta culpa ao goberno de Vigo dos problemas cos sinais no Camiño de Santiago dentro da cidade olívica

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, lamentou este martes que os...

Ecoloxistas en Acción rexeita máis recheos no litoral de Baiona

Ecoloxistas en Acción rexeita o novo recheo no litoral de Baiona e chama a...