InicioMedio Ambiente e PatrimonioXesús Feás, investigador: "A velutina xa chegou ás Cíes e periga o...

Xesús Feás, investigador: “A velutina xa chegou ás Cíes e periga o seu fráxil equilibrio”

“Cando pasa o primeiro ano, o primeiro ciclo biolóxico, hai que prepararse para o peor”, recoñece o científico.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O académico Xesús Feás é un investigador multidisciplinar centrado no estudo da velutina e o seu impacto nas abellas. En 2017 foi seleccionado para coordinar a obtención dun biocida contra a vespa asiática, investigación que permitiu sintetizar dúas feromonas e obter o veleno da especie.

Feás aspira a concienciar dos efectos globais da vespa invasora e combater a desinformación. Foi entrevistado por Óscar Bernárdez, do Lugo Xornal, para esclarecer os perigos que rodean a esta especie invasora. A súa expasión, segundo sinalan numerosos expertos, é invitable.

Xesús Feás defende que a velutina estará presente en actividades cotiás, no desbroce, no coidado de monumentos, no tráfico e na intendencia. E que esnaquizará os ecosistemas máis delicados: “Teño referencias de que chegou ás Illas Cíes, co seu fráxil equilibrio: flores, insectos, paxaros”.

“Dóeme cando vexo imaxes en medios que non corresponden coa vespa velutina”. A pesar da enorme cantidade de información que xera a expansión da especie por Galicia, segue a haber confusión arredor das súas características distintiva: “Se das un aviso e non é unha vespa velutina, estás mobilizando recursos e persoas. O básico ten que ser a identificación, e aínda non a hai, non todo é velutina”.

Vespa velutina/ Karine Monceau

Inquirido por un retrato rápido, Feás comenta que “a velutina é de corpo negro e ten as patiñas amarelas, nas últimas porcións das patas”, en contraste coa vespa crabro ou europea, máis grande e totalmente marrón.

A especie asiática “é máis oscura no abdome, cunha banda alaranxada”. O investigador opina que “tamén é responsabilidade dos científicos baixar á rúa” e transmitir as características básicas.

Pensando nas zonas aínda por colonizar pola velutina, Feás pide dotalas de coñecemento previo para non repetir os errores de Francia, España, Portugal ou Inglaterra. “Cando pasa o primeiro ano, o primeiro ciclo biolóxico, hai que prepararse para o peor”.

“Non se trata de matala rapidamente, senón de que poida voar e levar o insecticida ao niño”, subliña. Para iso fixeron commprobacións sobre se a velutina detecta o compoñente, medindo a concentración que permite unhas horas de vida no insecto: “Buscamos un medio máis eficaz para acabar cun niño, que non se empreguen litros de insecticida que gotean no ambiente”.

Avespa velutina devora a carne dun golfiño varado en Cangas/ Cemma

“Ten que ser unha loita intelixente”. Manipular o biocida pode comportar riscos. “Como limpas o traxe? Non é quitalo e deixalo, aínda está por aparecer un traxe de protección adecuado, cunha tea que sexa pouco pesada, transpirable e que protexa contra a picadura do insecto; non o hai”.

“O que temos é un traxe inviable, abafas nel da calor. Os bombeiros non teñen un protocolo previo e posterior de actuación, moitos decatándose logo de que lle choraban os ollos e se sentían mal”. Esta situación é compartida polos bombeiros de Ourense, “que reclaman medidas de protección”.

“A min preocúpame moito a apicultura, un piar fundamental para a biodiversidade e a nosa alimentación, proque se non hai polinización non hai froitos, non hai sementes, iso afecta aos campos”, lembra.

Malia isto, matiza Feás que hai outras especies en risco: “Os apicultores dan a alarma porque cada parte ten o seu interese no asunto. Pero o resto de insectos que a velutina depreda, quen os coida?”. “As abellas sairán adiante, os apicultores as reproducen e coidan”.

Niño de vespa velutina nas Illas Cíes / Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

Xunto a este aspecto, cuestiona a actitude da sociedade fronte a velutina, tentar erradicar a súa presenza cando xa forma parte do ecosistema. Por iso di estar en contra do trampeo masivo. “Temos datos: un estudo no País Vasco, trampeo do 1 de setembro ao 30 de novembro; de 54.303 insectos, só 55 eran velutinas”. Asegura que os científicos deben avaliar a efectividade de toda acción, polo que é a súa responsabilidade ter en conta os efectos colaterais.

Nese senso, di estar en contra do trampeo: “Agora ben, tampouco lle podes dicir ao sector apícola que non poña trampas; pero o que se faga, que sexa selectivo e baixo control”.

Ademais de afectar ao traballo no campo, a velutina dana a froita e a uva, iniciando antes de tempo a fermentación. Feás tamén cita casos do País Vasco nos que a vespa asiática ataca o peixe nos barcos, “peixe danado que non vai ter saída comercial”.

Logo está a afectación psicolóxica nos apicultores, que desenvolven un vínculo coas abellas: “Cando morre unha colmea, a enterra coma se fora familia”, lembra.

E de novo aparece a importancia da abella na biosfera: “O máis importante da apicultura non é o mel, é o servizo público de polinización. Sen abellas os ciclos naturais non se renovan, todo está en relación, os froitos polinizados por insectos duran máis tempo e son máis sabrosos”.

Claro que, onde hai un problema, pode aparecer unha oportunidade: “A velutina ten que servir para reformular o sector apícola e coidalo como se merece, mimalo”. Feás entende que “por descoñecemento” os apicultores mesturan variedades e eliminan o valor engadido. “É coma se xuntaras albariño con uva catalana”, conclúe.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- As competencias dos concellos

Ultimamente vemos como entre as distintas administracións vanse pasando a pelota das competencias e...

Vigo pide á Xunta “toda a información” sobre o túnel de Beiramar antes de convocar a Comisión

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este martes á Xunta de Galicia "toda...

Detida en Vigo tras dar unha puñada no nariz ao seu noivo despois dunha rifa

Unha muller, A.R.P. de Vigo e 41 anos de idade, foi detida na noite...

Un ferido por un accidente en Vigo na Avenida de Madrid

Unha persoa resultou ferida na tarde deste luns en Vigo tras rexistrarse un accidente...