O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o primeiro ano do seu quinto mandato á fronte do Concello olívico, reivindicado que o goberno local “está en todo”: “Nada se escapa da nosa acción”. Nun acto levado a cabo na sede do propio Concello, ao cal acudiron preto dun centenar de persoas, Caballero fixo balance do ano transcorrido desde que volveu ser alegido rexedor en 2023.
Durante preto de hora e media de presentación, quixo falar das políticas e decisións realizadas polo goberno local nos últimos 12 meses, durante os cales se investiron máis de 48 millóns de euros nunha trintena de obras e humanizacións na cidade.
Abel Caballero sacou peito das accións feitas polo seu goberno, desde a firma do convenio coa Deputación de Pontevedra para a remodelación da bancada de Gol de Balaídos, ata os concertos de Castrelos, pasando polo Nadal de Vigo ou polas melloras nas piscinas municipais.
“É o modelo Vigo. Estamos en todo, facémolo todo. Nesta cidade, nada se escapa da nosa acción”, subliñou o rexedor, que contou co apoio da maioría dos concelleiros socialistas no evento.
El destacou o traballo realizado polo goberno local para conseguir axudas europeas, coas que se puideron construír infraestruturas como o ascensor Halo. Tamén se centrou na súa mediación para a chegada dos fondos dos Perte a Stellantis ou ao sector naval.
Polo seu posto, na súa intervención houbo un oco especial para o Nadal de Vigo. Sobre iso, Caballero volveu a eloxiar todo o que supón a nivel turístico esta festa. Tamén subliñou que grazas a ela, agora a cidade é coñecida en todo o mundo. “Volvemos bater marcas históricas no último Nadal, o nunca visto”, apostilou.
No acto, o rexedor tamén se acordou do PP e do BNG de Vigo, lamentando que “queiran apagar o Nadal”. Así mesmo, aproveitou para criticar á Xunta unha vez máis, reprochando as accións levadas a cabo para “paralizar” a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade ou a súa falta de apoio para que Vigo conseguise fondos europeos, segundo dixo.
Abel Caballero terminou o acto mostrando o seu orgullo e insistindo en que todo o realizado polo goberno municipal vén do “diálogo permanente” cos cidadáns, que son quen solicita a maioría dos proxectos. “Vivimos na rúa, estamos na rúa”, sentenciou.