InicioSociedadeO BNG de Vigo denuncia a falta de auga potable no IES...

O BNG de Vigo denuncia a falta de auga potable no IES de Beade, e goberno local e Xunta cúlpanse mutuamente

O centro leva xa medio ano sen auga potable.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do BNG en Vigo denunciou este luns que o IES de Beade leva medio ano sen auga potable, xa que as análises da auga no centro revelan a presenza de metais pesados e fan que non se poida consumir, o que levou á dirección a asumir o gasto de proporcionar auga embotellada os estudantes. O portavoz do grupo municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, pediu “medidas urxentes” á Xunta, como responsable do centro, e ao Concello, como titular da rede de abastecemento, e reclamou a ambas as administracións que cooperen para pór fin a esta situación.

En resposta á reclamación do BNG, a concelleira de Educación do goberno local, Olga Alonso, matizou que a Xunta ten constancia dos resultados das analíticas “de billa” desde o pasado decembro, unhas analíticas que reflectiron “un parámetro irregular”, que desaconsella o consumo da auga. Respecto diso, a edila socialista explicou que o Concello realizou analíticas tanto dentro do centro como no exterior, e que o problema se detecta precisamente no sistema de tubaxes interno, e non fóra do centro, na rede de competencia municipal, onde os resultados dos estudos foron “óptimos”. “É unha competencia exclusiva da Xunta”, aseverou, á vez que criticou que o goberno de Vigo leva tempo denunciando o “mal estado” das infraestruturas educativas na cidade, sen que o goberno autonómico actuase.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, asegurou que as mostraxes realizadas polos técnicos da Consellería de Sanidade “non detectaron ningún problema achacable á instalación interior do centro educativo” Segundo explicou, onde si se detectaron problemas foi na acometida, “é dicir, antes de entrar” no IES, de maneira que instou ao Concello a dar unha solución por tratarse da súa competencia. Así mesmo, pediu ao goberno local que solucione “os problemas de accesos ao centro escolar, onde o camiño está cheo de fochancas e non hai iluminación nin sinalización”.

ÚLTIMAS

Sogama acusa a Caballero de mentir sobre a subida do canon do lixo

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, acusou este luns ao alcalde de Vigo,...

O BNG esixe pór fin ao “descontrol” e á “barra libre” dos pisos turísticos en Vigo: “En 5 anos, pasaron de 400 a 2.400”

O BNG de Vigo esixiu ao goberno municipal e á Xunta de Galicia que poñan fin...

Tres persoas feridas nun choque frontolateral entre dous vehículos en Vigo

Tres persoas resultaron feridas leves na mañá deste martes tras rexistrarse unha colisión frontolateral...

Piden máis de 16 anos de cárcere para un acusado de violar e roubar a unha muller en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará este...