InicioSociedadeVallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

García Ortiz pon en valor o "diálogo" e "tender pontes" coa Fiscalía Provincial e o resto de órganos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal xefe de Área de Vigo, nun acto presidido polo Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, e no que trasladou o seu compromiso coa “imparcialidade” e coa protección “aos máis vulnerables”.

O novo fiscal xefe de Vigo, que fixo a súa intervención en galego, agradeceu a confianza depositada nel para esta responsabilidade e afirmou o seu compromiso de que todas as súas decisións estarán guiadas pola imparcialidade e o principio de legalidade, respectando a autonomía dos fiscais ao seu cargo, con confianza na súa “valía e compromiso profesional”.

Tras eloxiar a traxectoria de quen lle antecederon no cargo (Juan Carlos Horro e Susana García-Baquero), Vallejo Torres sinalou os principais retos que afronta, entre os que destacou o aumento das conformidades antes de chegar a xuízo, a dixitalización da administración de xustiza e a profundización na “protección aos máis vulnerables”.

Así, referiuse ao apoio da Fiscalía a todas as vítimas: menores, persoas maiores, discapacitados, vítimas de violencia de xénero ou de trata, estranxeiros sen recursos ou vítimas de violencia sexual. Igualmente, tivo palabras de recordo para os 8 falecidos na provincia por accidente laboral no que vai de ano.

ENCAIXE DA FISCALÍA DE VIGO NUN “COMPLICADO MAPA”

Pola súa banda, o Fiscal Xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, puxo a Fiscalía de Área de Vigo como “exemplo” na xestión de “diferentes realidades” nun “complicado mapa” da administración de xustiza como é o de Galicia.

No caso de Vigo, subliñou, o reto dese “encaixe” esixe un “diálogo permanente” coa Fiscalía Provincial e, aínda que por estatutos non se faga “en relación de igualdade “, aseverou que “non hai que pór xerarquías cando hai que solucionar problemas”, senón “tender pontes e falar moito”, e iso trasládase tamén ao resto de Fiscalías de área e á Fiscalía Superior de Galicia.

Álvaro García Ortiz puxo en valor o traballo dos fiscais, “sempre no medio do conflito” e lembrou que os representantes do ministerio público chegan “ata o último recuncho” do territorio. Ademais, engadiu que a Fiscalía “tamén é institución” e recalcou o seu compromiso de trasladar aos órganos centrais de Madrid as vivencias, sensacións e necesidades dos seus compañeiros do resto de España.

Antes de recoñecer que “ás veces é complicado explicar o labor do Fiscal”, proclamou que “o triunfo do Estado de Dereito é o triunfo dos máis débiles” e por iso os fiscais son “a garantía de que todos son iguais ante a lei”.

PRESIDENTE DA AUDIENCIA

Finalmente, no acto interveu tamén o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez, que admitiu a súa “nostalxia” pola “normalidade” na renovación da xefatura na Fiscalía de Área de Vigo, fronte a un Consello Xeral do Poder Xudicial que segue sen renovarse.

Nese sentido, sinalou que esta situación e o “bloqueo” no nomeamento de novos cargos “provoca un efecto deslexitimador” ante os cidadáns, a quen os xuíces “serven”.

Tras agradecer o traballo de Susana García-Baquero, felicitou a Vallejo Torres e desexoulle o mellor na súa nova etapa como fiscal xefe nunha cidade na que, en 2023, se rexistraron 48.000 asuntos novos, o 38 % de toda a provincia.

ÚLTIMAS

Nova polémica no Pleno de Vigo tras aprobarse un novo programa de vivendas para familias vulnerables

A Xerencia de Urbanismo de Vigo aprobou este martes unha iniciativa para pór en...

Caballero atribúe a subida do recibo de lixo á “estafa” de Sogama: “Rueda débese crer que en Vigo somos parvos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, censurou a "caradura política" do PP por pedir...

Zona Franca e UVigo asinan o novo convenio para a Cátedra Ardán, que incrementa o orzamento ata 960.000 euros

O delegado da Zona Franca, David Regades, e o reitor da Universidade de Vigo,...

Enfróntase a 3 anos de cárcere por posesión e distribución de pornografía infantil en WhatsApp

Un veciño de Vigo sentará este mércores no banco dos acusados do xulgado do...