O pasado luns 8 de outubro Caballero deu unha rolda de prensa no concello, e o Faro de Vigo, que a Oficina de Dereitos Sociais acusa de ser “o medio do réxime”, titulou: “El cheque social bate todos los récords y el Concello pagará 5.611 ayudas desde el jueves”.
O alcalde falaba ante os medios da resolución do programa de Axudas Extraordinarias a Familias, o coñecido como “Cheque Social”. Pero todo isto son, para a Oficina de Dereitos sociais de Coia, “grandes números pensados para a galería e para encher -semana tras semana- a cidade de noticias “fake”.
“Fronte aos titulares, nós padecemos a crúa realidade. Os números dos que non fala o alcalde son que das 2950 solicitudes, algo máis de 1000 ficarán fóra destas axudas. Alén dos números, o que nos alporiza é ollar como dende o goberno frivolizan coa nosa miseria”, denuncian.
“Esta mañá acudiron unhas veciñas a preguntar se tiñamos novas sobre a resolución do cheque social. Escoitaran hai unha semana as verbas do alcalde dicindo que ían iniciar o pagamento dos mesmos. Nos servizos sociais e no teléfono de información municipal, nada sabían”, lamentan.
“Para os que mandan, 7 días sen saber nada duns centos de euros non son problema. Porén, para aquelas que ficamos sen recursos suficientes para iniciar e rematar os meses, unha semana é demasiado tempo. En moitas asembleas e xuntanzas preguntámonos canto tempo serían quen de aguantar Caballero ou Feijóo cos 400 € dunha RISGA ou dunha Pensión Non Contributiva”, reflexionan.
Para a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, o “cheque social” ou a RISGA “lonxe de sacarnos da miseria, afóndannos máis nela. Lonxe de mudar as condicións que orixinan a nosa desposesión, fixan e lexitiman estas políticas de mal reparto”.
“Fronte a deriva asistencialista, privatizadora e recortadora das políticas sociais da cidade, esiximos dereitos sociais fortes que garantan unha vida digna para todas. Abonda xa de facer negocios coa nosa miseria e de criminalizarnos polo feito de seren empobrecidas”, selan.