A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a un ano de cárcere ao fisioterapeuta que tocou os peitos e os xenitais dunha dos seus pacientes. Desta maneira, os maxistrados condénano como autor dun delito de abusos sexuais sobre unha clienta que atendeu na súa clínica, situada na parroquia de Valladares. A sala considera probado que, mentres a vítima se achaba tombada na padiola e co desexo de satisfacer o seu ánimo libidinoso, “acariñoulle sen finalidade terapéutica os peitos baixo o suxeitador”.
Na sentenza, o tribunal relata que, posteriormente, e aproveitando a oportunidade que lle facilitaba limpar o aceite utilizado sobre o corpo da vítima, con idéntica finalidade e de maneira innecesaria, tocoulle os xenitais. Tamén explica que, terminada a sesión, mentres a afectada se vestía sentada na padiola, “coa intención de satisfacer o seu instinto sexual e mentres lle exhibía uns vídeos deportivos”, pasoulle a man por detrás da cintura, apoiándose coa súa man nela, para acariñala cos dedos.
Desta maneira, a sala condenouno a un ano de cárcere e impúxolle unha inhabilitación especial para o exercicio da súa profesión durante seis meses, ademais dunha medida de liberdade vixiada durante un ano. A sentenza tamén dita a prohibición de comunicarse coa muller por calquera medio polo prazo de cinco anos e o pago dunha indemnización de 2.000 euros.
ABSOLTO DO RESTO DE DELITOS
O tribunal absolveuno do resto de delitos polos que foi acusado respecto doutros tres pacientes. En concreto, Fiscalía solicitaba para el ata 13 anos e medio de prisión polos delito continuado de abuso sexual, ao ser acusado por ata catro mulleres de presuntamente realizarlles tocamentos nas súas partes íntimas durante unha consulta.
A pesar disto, agora a Audiencia só o condena por un dos casos a un ano de cárcere e seis de inhabilitación. Así mesmo, o fallo conta co voto particular dunha maxistrada, quen entende que debería de ditarse un pronunciamento absolutorio, pois considera que “non se aprecian probas claras, precisas e concluíntes da realidade do ocorrido”.
Desta maneira, os xuíces non consideraron acreditados feitos denunciados por algunha das pacientes, como os que relataba unha muller, que aseguraba que o agora condenado lle introducira un dedo no interior da vaxina.
“CONTRADICIÓNS RELEVANTES”
Entre os motivos, os xuíces apreciaron “contradicións relevantes” nesta declaración, indicando que a súa versión variou ao longo das distintas fases da investigación, especificando nun primeiro momento o dedo concreto que lle introducira e asegurando que estaba boca arriba, para logo dicir que estaba boca abaixo. “En vista deste relato final da vítima, non é posible acoller o relato fáctico que constitúe o obxecto das acusacións, único polo que poderiamos condenar polo delito de abuso sexual con penetración”, recolle a sentenza.
A pesar de todo, recoñécese que “o comportamento profesional do acusado non era coidadoso coas esixencias da ética esixible que corresponde á situación en que se atopaban as pacientes”, xa que “as facía quedar en roupa interior mentres as observaba, non lles pedía consentimento á hora de levar a cabo manipulacións que ía desenvolver en zonas sensibles ou equívocas, non empregaba unha toalla que evitase a visión directa desas zonas desprotexidas cando traballaba noutras partes do corpo, nin lles explicaba de modo suficiente que traballos ou manobras que ía desenvolver en cada momento”.
A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).