InicioSociedadeA UVigo presenta un manual pioneiro no tratamento das alteracións do equilibrio

A UVigo presenta un manual pioneiro no tratamento das alteracións do equilibrio

PUBLICADO O

- Advertisement -

As alteracións do equilibrio, que afectan a unha de cada tres persoas maiores de 65 anos e á metade das maiores de 80, supoñen un problema crecente de saúde pública, como amosa o feito de que as caídas constitúan a segunda causa de morte por lesións non intencionais entre os maiores de 50 anos, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Non obstante, a avaliación e tratamento de persoas maiores con deterioración do equilibrio constitúe un campo de investigación no que a día de hoxe persisten “lagoas de coñecemento”, como recoñece a profesora da Facultade de Fisioterapia Raquel Leirós.

Leirós é autora, xunto aos docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán e Vicente Romo e a profesora da Universidad San Jorge de Zaragoza e doutora pola Universidade de Vigo Ánxela Soto, dun libro centrado en presentar un “tratamento moderno e actualizado” de pacientes xeriátricos con déficit do equilibrio.

Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, “Manexo do paciente xeriátrico con deterioración do equilibrio” ten como obxectivo “recoller o coñecemento científico dispoñible ata agora sobre a abordaxe clínica do paciente maior con inestabilidade postural e perda de equilibrio”.

Abórdase así tanto a xustificación fisiolóxica das distintas causas do déficit de equilibrio como as ferramentas de avaliación dispoñibles e os principais métodos de tratamento. Trátase, explican os seus autores, dun manual “de particular interese para os profesionais que se enfrontan na súa práctica clínica diaria ou traballo á inestabilidade postural e ao alto risco de caer das persoas maiores”, como os profesionais da medicina, a fisioterapia, a enfermaría ou a actividade física.

De feito, o volume conxuga as achegas dun médico, García Soidán, unha enfermeira, Soto; unha fisioterapeuta, Leirós, e un experto en exercicio físico, Romo.

Falta de ferramentas para a detección precoz

Articulado en tres apartados, o libro ábrese cun capítulo dedicado á fisiopatoloxía do equilibrio durante o envellecemento, que aborda aspectos como o control motor e postural, as estratexias biomecánicas, de movemento e sensoriais ou as principais causas de caída durante o envellecemento.

A deterioración do equilibrio, explica Leirós, “é un proceso fisiolóxico que, de xeito natural e con maior ou menor intensidade, prodúcese durante o envellecemento”.

De feito, as persoas de maior idade “amosan un aumento da oscilación postural cando están de pé e dificultade para facer movementos ao mesmo tempo que camiñan”, engade a investigadora, que explica que estes cambios no control da postura que implica o envellecemento “son consecuencia de alteracións dexenerativas do sistema nervioso central”.

A doutora pola Universidade de Vigo Ánxela Soto é tamén coautora deste libro/ Duvi

Polo tanto, resulta de “especial interese” para manter un bo equilibrio o mantemento das aptitudes biomecánicas, para “manter os rangos de movemento”, cognitivas, para realizar “axustes posturais anticipatorios”, e sensoriais, “que permiten estabilizar os segmentos corporais de xeito inconsciente”.

O control postural, engaden os autores e autoras do manual, “é unha función que pode estar afectada por diferentes enfermidades ou limitacións subclínicas”, e, polo tanto, a prevención da deterioración do equilibrio “require a compresión dos diversos mecanismos subxacentes ao control postural”.

De aí que poñan o acento na importancia que ten a sensibilización dos profesionais da saúde, tanto para un correcto tratamento como “para a súa detección precoz, que é a clave para evitar caídas” e que pasa polo coñecemento dos factores que afectan á estabilidade postural como paso previo ao deseño de intervencións específicas, explica Leirós.

Detección que, á súa vez, pasa por “métodos que sexan sensibles a pequenos cambios no funcionamento de sistemas de control postural”. Porén, “na contorna ambulatoria, non hai ningún procedemento que permita” esta detección precoz, xa que as “tarefas habitualmente avaliadas” so permiten esa detección “cando o individuo manifestou un descenso significativo no control postural”, explica Leirós, que centrou precisamente a súa tese de doutoramento, defendida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no desenvolvemento dun método de detección precoz do risco de caídas a través do uso un acelerómetro.

Abordaxe desde a fisioterapia

Á hora de previr caídas que “causan lesións severas e moderadas no 30% dos casos”, unha das “maiores dificultades radica en modificar os posibles hábitos negativos adquiridos ao longo da vida, así como o propio envellecemento” recoñece Leirós.

Así, esta especialista subliña a importancia destes dous factores na programación e valoración da eficacia dos programas de fisioterapia e rehabilitación a desenvolver con esta poboación, eixo do terceiro capítulo desta guía.

Neste punto, o manual incide en que, independentemente do grao de afectación do sistema de control postural do paciente, ”un obxectivo constante” no tratamento das persoas maiores debe ser a prevención des caídas, o que implica que os tratamentos dos profesionais da fisioterapia deben abordar “traballo cardiovascular aeróbico, actividades da mellora da flexibilidade e forza muscular, exercicios que desafíen o equilibrio e a estabilidade do paciente, actividades de mellora de coordinación e da velocidade da reacción”, debido precisamente a ese “carácter multifactorial dos trastornos de estabilidade postural”.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...

O TS confirma a sentenza contra Stellantis que recoñece o dereito dunha traballadora á conciliación

O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...