“O ministro de Fomento José Luis Ábalos comprometeuse na súa visita a Vigo de facer estudo, licitación e obra do Ave Vigo-Madrid por Cerceda, e non manifestou ningunha dúbida, foi claro e contundente”; vén de subliñar Carlos López Font, principal concelleiro do goberno de Abel Caballero.
“Quen impón que hai que facer un estudo hidroxeolóxico é o Ministerio de Medio Ambiente, entón gobernado polo PP, e efectivamente ten unha duración determinada. Pero o que impón este informe é o goberno de Rajoy, sendo ministra de Medio Ambiente Isabel García Tejerina”, destacou Font en rolda de prensa.
“Se xa en 2015 o Ministerio de Fomento de Ana Pastor dirixira ese estudo hidroxeolóxico agora xa estaría terminado, e estaríamos xa en fase de proxecto e obra. O que fixo o ministro foi desatascar o que o PP tiña atascado, e garantir o AVE directo a Madrid por Cerceda. O que fixo Ana Pastor é paralo 5 anos, e agora está desatascado, e esta é a única realidade”, acrecentou.
Recordou Font que “o PP estivo calado mentres Ana Pastor tivo o proxecto gardado nun caixón, e, que sorpresa, agora protestan. Sucede o de sempre, cando as cousas van ben para Vigo, o PP se enfada, e parece que están enfadados porque non queren que haxa AVE directo a Madrid por Cerceda”.
As asociacións de veciños de Teis e Chapela non están de acordo con estas declaracións, ata o feito de que lamentaran a visita do ministro de Fomento e as súas declaracións sobre a AP-9 como unha mostra de que “non hai nin compromiso, nin prazos concretos nin vontade política”.
Así, con respecto á peaxe de Rande-Redondela, o portavoz da asociación veciñal de Teis, Anxo Igrexas, criticou que, a pesar de que a eliminación desa taxa é “un clamor” dos veciños, dos axentes económicos e mesmo das formacións políticas, o actual ministro de Fomento “parece que non ten nada clara” esa demanda.
Igrexas advertiu a Fomento de que “non pode escudarse na concesionaria” porque a supresión da peaxe é unha decisión “que se adopta en Consello de Ministros”. “Xa estamos cansados de oír escusas”, aseverou, e advertiu de que os veciños manterán as mobilizacións.
Os portavoces veciñais concluíron que a reunión do ministro Ábalos co alcalde de Vigo, Abel Caballero, non permite ás parroquias de Teis e Chapela estar “satisfeitos” e tachou de “indignante” que o rexedor olívico expresara a súa alegría “cando o resultado da visita é cero”.
Así, criticou que Caballero buscase só “a foto e a propaganda”, e que “lle vale calquera cousa”, mesmo aínda que non se concreten prazos e nin actuacións. Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez, subliñou que, ademais das cuestións relacionadas coa peaxe ou os accesos e saídas da autoestrada, esta parroquia redondelana ten “problemas engadidos”.
Así, lembrou os prexuízos ocasionados con motivo das obras de ampliación da AP-9 e que, segundo regulaba nunha addenda ao convenio asinado entre Fomento e Audasa para esas obras, compensaríase con actuacións de mellora dos viarios, reposición de servizos, o traslado dun colexio, ou a instalación de pantallas acústicas.
Moitas desas melloras non se executaron, recalcou, e “o ministro nin sequera fixo mención” a esa situación. Ademais, advertiu de que a supresión da peaxe debe ser unha medida previa a calquera outra actuación porque se se executan novos accesos e se incrementa o tráfico pesado (xa moi intenso) en Chapela, os veciños “sairán á rúa”.
Finalmente, Marcial Pérez pediu aos responsables políticos do PSOE en Galicia que “presionen” ao Goberno para cumprir os compromisos con estas parroquias, aínda que fosen anunciados polo Executivo anterior.
Do mesmo xeito, reclamou tamén a En Marea, que “sostén” ao goberno de Sánchez, que exerza a mesma presión para eliminar a peaxe e mellorar a comunicación nesa zona.