InicioSociedadeA ciencia pregúntase: Lemos o que compartimos en redes sociais?

A ciencia pregúntase: Lemos o que compartimos en redes sociais?

PUBLICADO O

- Advertisement -

Abordar tanto o coñecemento existente como as preguntas aínda por responder respecto dos motivos que levan a unha persoa a compartir un determinado contido en redes sociais é o eixo do artigo que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo Alberto Dafonte vén de publicar nun número monográfico do International Journal of Communication, unha das revistas científicas internacionais especializadas no eido da comunicación de maior relevancia.

Nun número especial centrado en emocións e esfera pública, o investigador pon o foco tanto nas motivacións altruístas ou de busca dunha mellor imaxe persoal que poden levar a un individuo a difundir un determinado contido, como naqueles comportamentos que levan a compartir determinados contidos acordes coa “súa visión do mundo”, que constitúe ao seu xuízo, o campo de estudo “ao que se lle debe prestar máis atención hoxe en día”.

“A publicación responde a proposta de elaboración dun monográfico sobre este tema, tiñan unha convocatoria aberta e contactaron comigo porque xa fixera algún estudo sobre tema”, salienta Dafonte, que, tras superar o proceso de revisión, converteuse no autor dun dos seis artigos seleccionados para este monográfico sobre novos medios, emocións e a súa influencia nas dinámicas da esfera pública.

Publicación na que o profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade trata, no seu artigo Audiencie as medium: motivations and emotions in news sharing, “de ordenar e organizar en tres grandes áreas as principais motivacións que se coñecen” a raíz de diferentes estudos, co propósito de que poidan “axudar a entender mellor o fenómeno”.

O investigador de CCSS e da Comunicación Alberto Dafonte/ Duvi

Por unha banda, atópase a motivación de compartir un determinado contido por un “comportamento, digamos, altruísta, para axudar aos demais”, idea que parte de que “na medida en que sabes que algo pode ser de interese para os demais, compártelo”, algo que, engade, non é propio das redes sociais, senón que “facémolo habitualmente na nosa vida cotiá”, aínda que agora “os individuos particulares pasan a ter moita máis capacidade de influencia na súa contorna”.

Por outra banda, e en relación a ista, Dafonte alude a unha segunda motivación, “que é compartir por beneficio propio, porque na medida en que axudas a túa comunidade probablemente estéaste axudando a ti mesmo, pero tamén por reforzar o teu status a túa imaxe persoal”.

compartir é ler?

Máis aló destes dous ámbitos, Dafonte pon o foco nunha “gran pregunta”, a de se compartir é ler. “Normalmente asumimos que cando alguén comparte algo é porque asume parte desa mensaxe ou porque reacciona ante esa mensaxe”, en ambos casos, partindo da idea de que se consumiu e entendeu dito contido.

Mais, engade, “nos últimos tempos e con todo o auxe das fake news, é cada vez máis patente que existe un tipo de comportamento que ten que ver coa militancia” e que pode levar ás persoas a compartir contidos “que nin sequera viu ou leu, que simplemente teñen un titular que favorece a súa causa ou a súa visión do mundo”.

Neste punto, Dafonte pon o acento na importancia de afondar neste campo poñendo o foco, máis aló dos estudos centrados na porcentaxe de contidos compartidos en redes sociais “sen sequera abrilos”, nas motivacións e emocións que poden atoparse detrás duns comportamentos que poden dar lugar a “opinións cada vez máis polarizadas”, pero tamén a intentos de “enganar deliberadamente á opinión pública”.

De aí que incida en que e trata dunha cuestión “moi importante para a convivencia na sociedade de hoxe en día” e que ademais reviste tamén dun especial interese desde o punto de vista económico, xa que “a calquera empresa, grupo de comunicación ou a calquera grupo político interésalles saber como alcanzar, ademais de difusión nas súas propias contas, que a xente comparta os seus contidos”.

Neste punto, pon de relevo que se ben “a propaganda existiu sempre, antes este tipo de cuestións estaban en mans de poucos, mentres que agora existen uns canais horizontais que permiten unha difusión enorme dos teus contidos”.

De aí que incida na importancia de abordar conceptos como os “filtros de burbulla ou cámara de resonancia, que teñen que ver con como nos relacionamos moitas veces nas redes sociais, con xente de opinións afíns e excluíndo a xente de opinións distantes”.

As redes sociais, eixo dun novo mestrado

A comunicación a través das redes sociais é precisamente un dos eixos do novo mestrado que, no presente curso, vén de pórse en marcha na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, co propio Dafonte como coordinador.

Coas súas 25 prazas cubertas, o mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais reúne entre o seu profesorado tanto a expertos e expertas académicas como a profesionais do sector, e vén de sumar tamén a colaboración da empresa Dinahosting, que proporciona aloxamento gratuíto aos portais que as e os estudantes deben desenvolver ao longo do curso co propósito de “que poidan aplicar os coñecementos que van adquirindo nas diferentes disciplinas”.

ÚLTIMAS

Un vehículo choca con outro e resulta envorcado en Vigo

O barrio vigués de Teis rexistrou na mañá deste venres un accidente de tráfico,...

Abel Caballero asegura que pedirá a Sánchez adiantar os prazos do AVE Vigo-Oporto, porque seguirá “defendendo a Vigo contra quen faga falta”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, botou en cara ao xefe do Executivo central, Pedro...

Detidos os dous supostos autores dun roubo nunha empresa de enxeñaría de Teis, facéndose con material por valor de 21.000 euros

A Policía Nacional detivo en Vigo aos dous supostos autores dun roubo con forza nunha empresa...

Ciencia en galego, Youtubeiros científicos e os perigos das Fakenews no ciclo ‘Ciencia de ida e volta’

Coa celebración do Día da Ciencia en Galego e dos días mundiais da Vida Silvestre,...