Fotografía e xénero: análise de imaxes contra a desigualdade e Elaboración de pan artesán con ‘formento’. Estas son as grandes novidades da nova oferta de obradoiros da Universidade de Vigo.
Nove propostas formativas nas que se combinan novas propostas coas que chamar a atención da comunidade universitaria e demais persoas interesadas, con outras suxestións máis tradicionais con público asegurado, como teatro ou música tradicional, ou outras alternativas que, dado o seu éxito, repiten ano tras ano (iniciación á maxia, identificación práctica de cogomelos, horta ecolóxica…). O ano pasado pasaron por estes talleres máis de 200 persoas e a previsión é igualar ou superar esta cifra.
Impartido pola docente Amada Traba e a fotógrafa Natalia González Devesa, o obradoiro Fotografía e xénero: análise de imaxes contra a desigualdade ensinará ás persoas asistentes a empregar a fotografía e os medios audiovisuais como ferramentas de análise da realidade de xénero, e como se usan as imaxes para perpetuar estereotipos femininos e masculinos.
Para conseguilo analizarase o tratamento da imaxe de xénero na publicidade, no cine e na prensa, así como a evolución destas imaxes na historia da fotografía. Cun límite de 20 prazas e unha duración de 30 horas, as clases serán os luns e martes de 17.00 a 19.00 horas na EU de Estudos Empresarias.
O obradoiro Elaboración de pan artesán con ‘formento’ correrá a cargo de César Lema, docente noutras edicións dos talleres sobre plantas silvestres comestibles, e Sofía Armenteros.
O obxectivo é aprender a elaborar pan de maneira artesán empregando o ‘formento’ ou fermento, “o que en castelán se coñece como ‘levadura madre’ e que non hai que confundir coa masa nai”, explican os responsables do curso.
O obradoiro constará dunha parte teórica, na que se falará, entre outros aspectos, dos diferentes cereais e pseudocereais, as súas propiedades, as avantaxas de empregar o fermento en lugar do lévedo prensado de panadería, as diferentes fariñas ou as propiedades nutritivas dun pan ben feito de forma artesanal; e unha parte práctica de elaboración (autólises, mestura, repouso, amasado, fermentacións, boleado, formado e cocción) de pans dos diferentes cereais, pseudocereais e fariñas de plantas silvestres e landras. A cita será neste caso todos os mércores pola tarde na sala 2 do edificio Miralles a partires do 10 de outubro.
Se ben xa se ofertou noutras ocasións –aínda que non chegou a impartirse por non contar con suficientes persoas matriculadas-, este outono recupérase tamén o curso Estratexias para a composición escrita, unha iniciativa que se levará a cabo na Facultade de Filoloxía e Tradución a cargo da docente María Suárez e co que se busca mellorar a comprensión e a produción escritas en contextos académicos, sociais e científicos, así como aprender a redactar textos en función do receptor ao que se destina.
Seguindo na liña de revalorización do natural e dos produtos locais, regresa tamén este outono o obradoiro Cosmética natural aproveitando a contorna, unha proposta que xa se realizou noutras ocasións con notable éxito e que se vai alternando co taller de plantas comestibles. Da man de Patricia Puga, o programa combinará as saídas de campo coa elaboración de macerados, tinturas medicinais, xabóns, ungüentos, pastas de dentes…
Outro clásico é o de agricultura ecolóxica, que chega de novo da man de Jacobo Ojea e que combinará as clases de carácter máis teórico coas prácticas na horta que está situada detrás do Cinbio; e o de Identificación práctica de cogomelos, no que, o alumnado realizará cada día saídas polo campus para recoller e manipular cogomelos ‘in situ’ para despois identificalos na aula.
As persoas interesadas en matricularse nalgunha destas nove propostas debe facelo na plataforma Culturxest antes do vindeiro xoves 4 de outubro. O prezo é de 26 euros para persoas da comunidade universitaria e 40 euros para o público en xeral e, ao remate de cada un dos obradoiros entregarase un diploma acreditativo con recoñecemento de un crédito ECTS para as ensinanzas de grao por cada 30 horas.