O socialista Abel Caballero revalidou este 28M a súa maioría absoluta en Vigo, a pesar de perder case 20.000 votos e un edil, fronte ao incremento tanto de PP como de BNG e a desaparición de Marea de Vigo.
Co 100% escrutado, o partido máis votado nas eleccións municipais é en Vigo foi, novamente, o PSdeG, que obtivo o 60,86% dos sufraxios. Con todo, esta cifra é inferior ao 67,62% de fai catro anos, cando obtivo 101.055 votos. Este ano foron 82.313 e 19 edís, un menos que nos últimos comicios, pero suficientes para a maioría absoluta, que a marcan os 14.
O PP, pola súa banda, foi a segunda forza, co 18,58% dos votos e cinco concelleiros, un máis que fai catro anos. O BNG tamén crece, dun a tres edís e ata o 11,09% dos votos, mentres que Marea de Vigo perde os dous concelleiros que tiña e, con iso, a súa representación na corporación.
CABALLERO
O alcalde de Vigo e candidato á reelección, Abel Caballero, presumiu na noite deste domingo de “vitoria incontestable”, tras revalidar a súa maioría absoluta obtendo 19 dos 27 edís da Corporación olívica, aínda que sen mencionar a perda dunha acta e duns 20.000 votos.
Caballero compareceu ante os medios e ante algunhas decenas de simpatizantes, acompañado da súa muller e dos membros da candidatura, nunha sala do hotel Baía de Vigo á que accedeu entre aplausos e ao ritmo de ‘The Best’ de Tina Turner. “A cidade tivo unha vitoria incontestable“, proclamou, antes de dar as grazas aos vigueses e de prometer que a urbe olívica seguirá “cabalgando” e “navegando cara á Estrela Polar”.
Caballero celebrou que Vigo “dixo si” ao seu proxecto de cidade e remarcou que “non hai un precedente na historia democrática de España” dos resultados obtidos pola súa lista. “Só hai un precedente: nós mesmos hai 4 anos”, sinalou.
O candidato socialista puxo en valor que a súa lista obtivese 19 edís, un menos que en 2019, aínda que non fixo mención a ese desgaste, nin á perda de case 20.000 votos. Por contra, exclamou: “Gañámoslle 19 a 5 ao PP, 19 a 3 ao BNG, e 19 a 8 aos dous xuntos”.