O portal web RUTAS DE HISTORIA pon en marcha unha nova edición dos seus roteiros históricos. Unha edición que este ano ven marcada por dúas estacións, a de primavera e a de outono. Así, nesta primavera terán lugar tres roteiros que teñen como protagonistas á historia literaria de tres cidades galegas; Vigo, A Coruña e Santiago.
Estes roteiros están dentro do proxecto “Roteiros literarios históricos de Galicia”, impulsado tamén desde o portal de Historia de Galicia, coa pretensión de crear unha serie de andainas literarias atractivas para os interesados en coñecer as tramas onde teñen lugar as historias de obras da literatura galega ou lugares que marcaron a algúns dos nosos grandes escritores.
Deste xeito, os participantes percorrerán as rúas, camiños e prazas que están representadas en novelas ou que formaron parte da paisaxe vital ou literaria de moitos e moitas das nosas escritoras. Algunhas destas vivencias poderán ser disfrutadas, ademais con escritores de novela histórica que serán os encargardos de guiar aos partipantes polos lugares simbólicos da súas novelas.
Entre os guías destes tres primeiros roteiros están os escritores Marcos Calveiro (roteiro de Vigo), Manuel Gago (en Santiago) e o guía e historiador Suso Martínez (en A Coruña).
Os “Roteiros literarios históricos de Galicia” están dirixidos a todas aquelas persoas interesadas na literatura galega e, en particular, no xénero histórico, e que, ademais, gosten da nosa historia, o noso patrimonio, das actividades ao aire libre e teñan sensibilidade co idioma galego.
O Vigo de Paco del Riego: o renacer da cultura galega
O roteiro virá da man do escritor Marcos S. Calveiro, e irá descorrendo polas rúas máis céntricas de Vigo, partindo da estación de tren de Urzáiz, á que Francisco Fernández del Riego (homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023) chegou tras ser depurado como profesor universitario por ser galeguista e afecto á Fronte Popular no remate da Guerra Civil. A Vigo chegaría Del Riego, na procura dun xeito de gañar a vida naqueles tempos incertos e escuros. E a cidade olívica sería xa para sempre o seu topos, o seu lugar vital, ata a data do seu falecemento en 2010.
O roteiro percorrerá o seus espazos vitais máis tamén aqueles lugares máis senlleiros da historia da edición viguesa e galega.
O percorrido levará aos seus participantes por aqueles lugares da cidade olívica que o marcaron, dende o despacho do avogado Alvarez Gándara, ao Colexio Mezquita, pasando pola sede histórica da editorial Galaxia da que foi fundador, a Fundación Penzol, ou o que foi o seu derradeiro domicilio na praza de Compostela.
Tamén polos cafés e faladoiros onde se xuntaba con Cunqueiro, Xohán Ledo, Illa Couto e tantos outros.
Aproveitará tamén a andaina para deterse nalgúns dos fitos da edición viguesa que é o mesmo que dicir galega, exemplo da editorial Cíes de onde saiu a primeira edición dos Canteres gallegos de Rosalía de Castro.
“Un percorrido vital individual, máis tamén colectivo, polo renacer da cultura galega tras anos asoballada, aquel soño galeguista, un país de Nós, que a Guerra Civil e a ditadura fascista quebraron pero que don Paco del Riego, foi corcosendo con todos os farrapos que foi atopando, aquí, na terra, e no exilio en Buenos Aires e Montevideo.” sinala o escritor.
A andaina rematará na Fundación Penzol, que tamén fundou e obxecto doseus desvelos durante os derradeiros anos da súa vida. Aló visitaremos a exposición do 60 aniversario desta verdadeira casa do saber onde poderemos completar algunhas das alfaias da súa colección.
Roteiros de primavera de Rutas de Historia
“A mansión dos milesios e fogar de Breogán… A Coruña que cantou Murguía“. Andaina guiada polo guía e historiador Suso Martínez para descubrir as claves atlánticas dende o mundo dos mitos ata a arribada dos chieftains gaélicos no XVII e a súa configuración como identidade de Galicia polos membros da Cova Céltiga. Un recorrido dende a Pescadería Coruñesa ata o Cemiterio de Santo Amaro, incluíndo a visita do Museo Arqueolóxico de San Antón. Data: 10 xuño.
“O sangue das pantasmas, unha viaxe ás sombras de Santiago“. Este roteiro, guiado polo escritor e divulgador Manuel Gago, explora Santiago de Compostela desde unha perspectiva moi singular: a da traza das pantasmas, aparecidos e visións de ultratumba que se contaron na capital galega e que recolle na súa obra ‘O sangue das pantasma”. Data: 17 xuño.
O roteiro terá lugar o próximo 20 de maio e partirá ás 10:30h dende a estación de tren de Urzaiz.
Límite 50 prazas, previa inscrición na web de Rutas de Historia.