O Círculo de Empresarios de Galicia contará cos catro candidatos á Alcaldía de Vigo dos partidos que na actualidade contan con representación no Concello olívico dentro do seu ciclo ‘Eleccións Municipais 2023’.
Así, Xabier Pérez Igrexas (BNG), Rubén Pérez Correa (Podemos-Marea de Vigo), Marta Fernández-Tapias (PP) e Abel Caballero (PSOE) compartirán as súas principais ideas e liñas de actuación para a cidade.
A primeira data do ciclo será o xoves 20 de abril, na que participará o candidato do BNG. Unha semana despois, día 27, será a quenda de Rubén Pérez. O xoves 4 de maio acudirá Marta Fernández-Tapias, mentres que o 10 de maio concluirá o ciclo o actual alcalde, Abel Caballero.
“Este ciclo é unha ocasión única para tomar o pulso das candidaturas ao Concello de Vigo de primeira man, nun formato próximo que permite o diálogo cos políticos e que seguro que terá gran acollida entre os nosos asociados”, indicou o presidente do Círculo, Manuel Rodríguez.