A Policía Local de Vigo trasladouse este mércores ao redor das 09:30 horas ao barrio de Teis, onde se atopaba un home sentado nunha das fiestras dun edificio, e coas pernas cara ao exterior.
Unha vez chegou a patrulla, deron aviso do suceso aos bombeiros e aos servizos médicos de urxencia. Os Policías descoñecían o estado psicofísico do cidadán, polo que intentaron tranquilizalo e falar con el desde o exterior. Cando chegaron os bombeiros, colocaron un colchón de seguridade na vía pública.
Os axentes, que non cesaron de tranquilizar e dar apoio ao cidadán, observaron como a súa postura se relaxara, chegando a suxeitarse cun dos seus brazos no ferro do tendal. Neses momentos, o colchón de seguridade xa estaba colocado.
Nun momento determinado, o home perdeu o equilibrio e caeu cara á vía pública, aínda que o fixo sobre o colchón, non sen antes golpearse lixeiramente contra un tendal exterior dos pisos superiores. Foi trasladado por unha ambulancia a un centro asistencial. Aparentemente só resultou con feridas moi leves. O home ten 41 anos e é veciño do lugar.
