A Garda Civil está a investigar a morte violenta dunha traballadora social do servizo de axuda no fogar de O Porriño. Apareceu morta no domicilio dun matrimonio maior ao que atendía, e investígase como posible responsable do crime, a un home ao que coidaba.
A muller foi localizada cun forte golpe na cabeza á primeira hora da mañá deste martes nunha vivenda do lugar de Atios, en O Porriño. Tiña 48 anos e era veciña de Mos, aínda que traballaba atendendo a varios fogares do concello veciño, nun servizo dependente do concello.
O domicilio no que a mataron é unha casa unifamiliar na que reside un matrimonio maior. Na vivenda estaban unha muller que “padece unha enfermidade incapacitante” que a mantén encamada e o seu marido, de 72 anos. Dada a súa condición, descártase a participación dela no crime.
Pola súa parte, o home foi atopado no lugar con manchas de sangue. Estaba desorientado e facía declaracións incoherentes, polo que se investiga a súa posible implicación, coa hipótese de que fose o responsable de matar a golpes á traballadora.
Fontes da investigación indicaron que ola garda civil procedeu á detención do home á primeira hora da tarde. Tras o seu arresto, foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para unha avaliación psiquiátrica. Están a rematar a análise da escena do crime e a toma de declaracións iniciais antes de formalizar a detención.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, sinalou que “en principio” e “con todas as cautelas” non hai indicios de que a violencia de xénero fose a causa da morte. A falecida non figura na base de datos do sistema VioGen.
Á espera dos resultados da autopsia, a Garda Civil segue coas investigacións para esclarecer os feitos.
O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, reaccionou ante o suceso e afirmou: “A parte fundamental é a vítima, e é unha tristura enorme, un panorama dantesco”, dixo o rexedor aos xornalistas despois de visitar a casa onde ocorreu o asasinato.
Tamén transmitiu o pésame á familia da muller e explicou que a vítima prestaba atención á esposa do presunto homicida, que foi detido e evacuado a un hospital de Vigo.
Como mostra de dor, esta tarde, ás 20 horas, gardarase un minuto de silencio en O Porriño, onde a vítima estaba empadronada, e tamén no veciño concello de Mos, onde naceu.
Detido un home por matar a unha traballadora social que lles atendía a el e á súa muller en O Porriño
PUBLICADO O

- Advertisement -