InicioSociedadeA primeira pedra do novo Burger King de Mos: unha análise en...

A primeira pedra do novo Burger King de Mos: unha análise en profundidade

Un feito paradigmático: Mos inaugura o seu primeiro Burguer King, e alí estivo Xornal de Vigo.

PUBLICADO O

Este martes 12 de febreiro realizouse en Mos o acto simbólico de colocar a primeira pedra dun novo Burger King. Acudiron ao mesmo a prensa e as autoridades da contorna. En realidade, xa había “máis dunha pedra” posta, pero é un xeito de celebrar os 25 novos postos de traballo que ten previsto crear este establecemento na zona comercial de Amieirolongo, na estrada Porriño-Redondela.

Estiveron presentes o xefe de obra, a enxeñeira responsable do proxecto, concelleiros… E sobre todo Mario Esteban, director xeral da empresa Kam, franquicia encargada da expansión da marca estadounidense no norte de España, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

o acto

Establecementos como o Burger King son un símbolo dos nosos tempos, e tamén serven para coñecer máis a fondo os cambios sociais. Así, Mario Esteban, como responsable do grupo Kam, franquiciado exclusivo de Burger King no norte do Estado, lamenta que cada vez menos persoas consumen as súas hamburguesas ‘á grella’ no propio establecemento.

E é unha tendencia que non para. Así, en EEUU, que acostuma a ir por diante nos movementos sociais (polo que quizais non quede moito para un ‘Trump’ español), xa o 70% dos clientes empregan o servizo AutoKing, noutras palabras, ou non baixan do seu vehículo e piden as hamburguesas para levar, ou directamente realizan os pedidos desde a casa.

a competencia

Así, o novo Burger de Mos, de feito o primeiro do concello, terá máis cociña que asentos, será máis ‘fábrica’ que ‘praza’, todo seguindo os intereses dun público cada vez menos social, que busca a comodidade. E, tamén, cada vez andamos máis ás présas e outorgámoslle menos importancia a comer. Xa se aprecia no mesmo boceto da obra, e o propio Mario o lamenta: a sala é case anecdótica. Dentro duns anos quizais nin teñan.

Pero é o futuro e xa está aquí. Tamén hai a posibilidade de pedir desde o smartphone, que ademais garda os menús preferidos do usuario para non ter nin que pensar o que queremos. Comodidades do século XXI. E con Play King para que os nenos deixen de molestar un rato.

Outro cambio a considerar, tamén propiciado pola actitude dos consumidores, é a proliferación de paneis nos que realizar o pedido sen ter que acudir a mostrador. Están a ser implantados por Burger King e polo seu gran rival, McDonalds, e de feito Mario Esteban recoñece que o cliente prefire utilizalos que achegarse á barra. A verdadeira rebelión das máquinas: cada vez somos personas menos persoais.

“as primeiras pedras”

O local, e isto quizais sexa o máis importante, xerará uns 25 postos de traballo directos, ocupados preferentemente por veciños de Mos (daráselles prioridade aos desempregados mosenses no proceso de selección) e grazas á Axencia de Colocación do Concello, coa que a empresa asinará un convenio de colaboración para levar a cabo o proceso de selección.

Coa bolsa de desempregados do Concello de Mos tentaranse cubrir, polo tanto, estes 25 postos que se ofertarán grazas á apertura do novo Burger King de Amieirolongo. Esteban, director xeral de Kam, insistiu en que buscan un perfil de traballador xoven, con vistas a que os novos traballadores poidan converter o seu posto en Burguer King nunha carreira profesional.

Este Burger King terá Play King (o espazo para que xoguen os nenos), e tamén dispensadora de bebidas para que un poida tomar tanto refresco como queira, o cal, chancea Mario, era o seu soño de pequeno.

“E espero que non pase ningunha maratón polo restaurante, porque despois de facer deporte bebo dous litros de Aquarius”, engadía en ton de broma.  Os refrescos non levarán azucre, excepto a Coca-Cola, debido ás doenzas que causa en exceso.

McDonalds gañou unha gran batalla: ser visto (con Coca Cola) como a marca ‘da felicidade’. Pero Burger King busca gañar a guerra.

o boceto

Xa son 24 establecementos en Galicia. E iso que non son baratos de construír: este custou 2 millóns e medio de euros. Con esta iniciativa, e outras como a da cidade deportiva do Celta, Mos busca gañar forza e converterse en algo máis que un lugar de paso. Desde logo, non ser visto como “un barrio de Vigo”.

xa non queda nada

E esta tenda ten todo para triunfar. Para demostralo, botamos man da ciencia cun análise darwiniano. Así, se quere sobrevivir na selva, neste caso unha selva de asfalto, cada especie debe ter un crecemento rápido, reproducirse rápido tamén, e evolucionar máis presa aínda, ademais de atacar con ferocidade aos seus rivais e construír relacións de cooperación cando sexa necesario, o que os expertos chaman coevolución. Este Burguer King cumpre todos os parámetros referidos.

Reprodúcense rápido (o mesmo día, Mario tivo que acudir a Ourense a poñer a primeira pedra doutro), crecen a toda velocidade (este martes comeza a obra e en 7 semanas, antes de Semana Santa, estará rematado), e por suposto adáptanse aos cambios (así, estudian o mercado e as tendencias dos consumidores, como xa falamos).

Coa competencia son intelixentes: este Burger evitará que moitos mosenses vaian ao McDonalds de Puxeiros. E coas sinerxias tamén saben como facer, así que igual as flores e as abellas se asocian polo ben común, este restaurante ubicouse a carón dun Mercadona e dun Leroy Merlin. Xa se sabe, vas con nenos a facer a compra e despois pillas un Whooper.

así é un burguer king

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...

Interceptan un dron non autorizado durante a carreira Vig-Bay en Baiona

A Garda Civil durante o Medio Maratón Gran Baía Vig-Bay, que se celebrou o domingo, interceptou no...