InicioSociedadeHomenaxe de Vigo aos falecidos do Villa de Pitanxo coa instalación dunha...

Homenaxe de Vigo aos falecidos do Villa de Pitanxo coa instalación dunha placa nun “sitio significativo”

A portavoz das familias recoñeceu que estas festas de Nadal "foron duras" ao tratarse das primeiras sen os seus seres queridos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo na tarde deste mércores unha reunión cos familiares dos mariñeiros falecidos do Villa de Pitanxo.

Nun audio remitido aos medios de comunicación, o rexedor vigués anunciou que os familiares dos 21 mariñeiros falecidos a mediados de febreiro de 2022 en augas de Terranova (Canadá) pedíronlle a instalación dunha placa que honre a súa memoria agora que se achega o primeiro aniversario do naufraxio.

“A traxedia do Villa de Pitanxo é un feito da maior importancia. É polo dramatismo que ten un número tan alto de mariñeiros falecidos, porque se trata dunha expresión da dureza da vida no mar e polo feito de que dá unha chamada de atención moi importante sobre a seguridade no mar. Ante un naufraxio no que morren 21 persoas hai que actuar incrementando as medidas de seguridade”, declarou.

Para Caballero, as demandas dos familiares son un chamamento á conciencia colectiva sobre o feito dramático do Villa de Pitanxo, pero tamén sobre a seguridade no mar.

“Por isto eu expúxenlles que instalaremos unha placa e porémola nun sitio significativo na cidade e o día do aniversario do naufraxio temos que facer un concerto de música clásica en honra dos traballadores que nos deixaron no naufraxio e así llo expuxen aos familiares”, sinalou.

Así mesmo, o alcalde da cidade olívica ofreceuse a encargar unha “escultura recordatoria” e facela extensiva á xente do mar.

“Faremos unha conmemoración daquela traxedia para os efectos de que nunca máis se volva a repetir nada igual e de manter na nosa memoria ás 21 persoas falecidas e desaparecidas“, sentenciou.

PLACA EN MARÍN

Precisamente, este mércores, a portavoz das familias, María José de Pazo, indicou que o Concello de Marín instalará unha placa co nome dos 21 falecidos no pesqueiro galego ‘Villa de Pitanxo’ o próximo 17 de febreiro.

De Pazo tamén asegurou que a intención dos familiares é que o resto dos concellos onde residían vítimas instalen placas similares.

Ademais, os familiares do Villa de Pitanxo exporán ao Goberno de Canadá que colgue un rótulo cos nomes dos falecidos en Saint John, o sitio máis próximo onde ocorreu a desgraza.

O pesqueiro galego ‘Villa de Pitanxo’, con base en Marín, naufragou na madrugada do 15 de febreiro do ano pasado, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros que traballaban nel.

A portavoz das familias recoñeceu que estas festas de Nadal “foron duras” ao tratarse das primeiras sen os seus seres queridos, aínda que a partir de agora continuarán tratando de levar a cabo accións para que sexan lembrados.

ÚLTIMAS

Piden case 7 anos de cárcere para unha muller acusada de encerrar e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o mércores unha vista preliminar...

O BNG de Vigo propón subir ata un 150 % o IBI para grandes propietarios con vivendas baleiras

O BNG de Vigo propoñerá duplicar o recargo do imposto sobre bens inmobles (IBI)...

Afectados polo PIA do Ofimático de Vigo piden á Xunta que paralice a “trampa” das expropiacións

Afectados o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Ofimático e Santa Cristina de Vigo...

Roubo “sacrílego” de cálices, copones, patenas e unha xerra nunha igrexa de Nigrán

A Diocese de Tui-Vigo lamentou o roubo rexistrado o pasado mércores na igrexa de...