A Policía Local de Vigo interceptou a un home, de 38 anos de idade, sen permiso de condución que case quintuplicaba a taxa de alcol permitida tras darse á fuga polas rúas da cidade olívica.
Tal e como informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar o pasado venres, 6 de xaneiro, ás 05,03 horas, cando a sala de comunicacións do 092 recibiu a alerta dun condutor que circulaba en “estado ebrio”.
Segundo sinalou o alertante, o aludido estaba na rúa Couto Piñeiro e, ao iniciar a marcha, golpeara o mobiliario urbano, dándose posteriormente á fuga.
Facilitados os datos do vehículo, unha patrulla da Policía Local interceptou ao condutor en cálea Porto Rico. Alí, os axentes entrevistáronse o home, C.J.L.G.P, de Vigo e 38 anos de idade, e comprobaron que presentaba claros síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas.
Por iso, realizáronlle as probas preceptivas de determinación do grao de impregnación alcohólica, nas que arroxou un resultado positivo de 1,15 e 1,10 mg/l de alcol por aire expirado, o que excede o límite legal pasando de ser denuncia administrativa a infracción penal.
A maiores, os actuantes pescudaron que posuía unha suspensión temporal de tres anos e dous meses do permiso de condución, polo que incorreu noutro delito contra a seguridade viaria.
Por este motivo, instruíronse dilixencias para o efecto, para o seu traslado á autoridade xudicial competente, ao estar implicado en accidente de circulación con danos a un banco municipal.
INTERCEPTADOS OUTROS DOUS CONDUTORES
Así mesmo, a Policía Local de Vigo interceptou a outros dous condutores que circulaban polas rúas da cidade olívica baixo os efectos do alcol.
O primeiro deles, unha muller de 25 anos, foi parada polos funcionarios por circular nun vehículo de mobilidade persoal sen casco de protección.
Tras comprobar que mostraba claros síntomas de estar influenciada por bebidas alcohólicas, os policías fixéronlle as correspondentes probas de alcoholemia, nas que deu un resultado positivo de 0,77 e 0,78 mg/l de alcol por aire expirado.
Dadas as características do vehículo, e que para a súa condución non é esixible permiso ou licenza algún, a muller non incorreu en ilícito penal, polo que se tramitou a correspondente sanción administrativa. O segundo dos condutores foi interceptado na madrugada deste luns tras superar varios semáforos en vermello da rúa Coruña.
O home, F.A, de Vigo e 24 anos de idade, arroxou un resultado positivo de 0,66 e 0,65 mg/l de alcol por aire expirado nas probas de alcoholemia, o que excede o límite legal pasando de ser denuncia administrativa a infracción penal.
Por iso, instruíronse as correspondentes dilixencias para o efecto, para o seu traslado á autoridade xudicial competente.