O Concello de Vigo aprobou a fase 1 das obras de remodelación do paseo da praia de Samil, que contará cun investimento de máis de 4 millóns de euros para actuar nuns 450 metros de longo, na zona pegada á praia de la Fuente.
Tal como informou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, o proxecto de cambio do paseo de Samil contará con tres fases. A primeira delas é a que xa foi aprobada, polo que comezará o proceso de licitación.
Prevese que en seis meses poida comezar a obra, que se executará nuns 10 meses. Por iso, o Concello atrasará o inicio ata finais do verán que vén, para non actuar na zona durante a época estival.
En concreto, esta iniciativa retranqueará o paseo uns 25 metros, gañando así Samil máis terreo de area. O novo camiño terá uns 12 metros de ancho, case o dobre que o actual. Ademais, o Concello humanizará toda a zona e creará máis prazas de aparcadoiro.
Caballero indicou que o actual muro de máis de tres metros do paseo de Samil é unha obra de hai medio século, polo que na actualidade “xa non se poden ter paseos así”, polo que defendeu que se retranquee ata 25 metros.
O rexedor olívico sinalou que esta actuación xa conta co visto e prace de Costas e que levará a cabo cun respecto “absoluto” ao medioambiente.
Ademais, Caballero explicou que a remodelación do paseo terá dúas fases máis. A pesar de que non deu prazos, si indicou que a terceira fase realizarase cando xa estea aprobado o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e suporá o traslado das pistas deportivas de tenis de Samil a outro lugar “próximo” pero non pegado á praia como o emprazamento actual.