InicioEconomíaDavid Regades asegura que os proxectos en marcha da Zona Franca de...

David Regades asegura que os proxectos en marcha da Zona Franca de Vigo crearán 3.000 empregos

O delegado fixo un balance da súa xestión, agora que a institución cumpre 75 anos de historia,

PUBLICADO O

- Advertisement -

O delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, asegurou este xoves que os proxectos en marcha do organismo público crearán uns 3.000 empregos. Así o sinalou Regades durante a súa intervención como convidado o Xantar Tribuna organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, levado a cabo na cidade de Vigo.

Nel, o delegado fixo un balance da súa xestión, agora que a institución cumpre 75 anos de historia, cun investimento de máis de 55 millóns no últimos catro anos, pasando dunha cifra de negocio de 20,5 millóns en 2018 a 25,7 millóns en 2021.

“Cando cheguei ao Consorcio, nos polígonos estaban instaladas 660 empresas e hoxe son 705, 45 máis. O emprego alcanzaba as 17.569 persoas e hoxe son un milleiro máis, con 18.683 traballadores, e a facturación desas compañías pasou de 7.804 a 9.348 millóns de euros”, reivindicou Regades.

Entre os proxectos xeradores de emprego, destacou a posta en marcha da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), onde xa se instalou a conserveira Albo con potencial de crear 500 postos de traballo, así como Beta Implants, que pasará de 29 a 200 traballadores, e a biofarmacéutica Lonza con 200 empregados.

“En total, na Plisan instalaranse de forma inmediata medio milleiro de traballadores, aínda que o potencial é doutros 500, cun compromiso de investimento destas empresas de 233 millóns”, subliñou.

David Regades agradeceu ao Círculo de Empresarios poder estar presente nesta Tribuna e puxo en valor a importancia da colaboración público-privada para xerar oportunidades e compartir ideas e opinións. Ademais, ofreceu o traballo da Zona Franca para todas aquelas empresas que necesiten un apoio do sector público.

Pola súa banda, o presidente do Círculo, Manuel Rodríguez, subliñou o papel de Regades á fronte de Zona Franca. “Está a marcar un fito, porque non só cumpre cos seus obxectivos en Vigo e a súa área económica, senón que busca en toda Galicia oportunidades e proxectos”, engadiu.

Ao xantar tamén acudiron diferentes representantes do mundo económico e político da Comunidade, como o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro, ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...