Conxemar, a Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura, volveu optar polo Hospital Vithas Vigo como servizo médico oficial da edición deste ano da súa feira, a máis importante das que se celebran en España no sector dos produtos conxelados, que se celebrará desde este martes 4 ata o 6 de outubro.
Desta maneira, o Hospital Vithas Vigo contará cun posto médico nas dependencias do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) con persoal médico, de enfermaría, e unha ambulancia medicalizada.
Persoal administrativo e de admisión completan a presenza do hospital, que permitirá dar unha rápida resposta a calquera incidencia de saúde, así como a calquera tipo de consulta médica que poidan ter os miles de visitantes ao recinto, que na edición deste ano amplía a súa superficie expositiva en 5.000 metros cadrados, superará o medio milleiro de expositores e contará con representación de máis de 40 países.
A participación de Vithas Vigo como soporte médico oficial de eventos non é nova. Desde hai anos dá soporte médico-asistencial ás probas da Word Surf Leage (WSL) –a proba máis importante de surf– en Galicia, tanto o campionato junior de Ferrol, como o absoluto que se disputa cada ano en Pantín; e, máis recentemente, foi soporte médico oficial doutra das grandes citas comerciais que se celebra en Vigo, Navalia 2022, entre outras.
Neste sentido, o xerente de Vithas Vigo, o doutor Ciro Cabezas, considera que o “hospital é un reflexo da sociedade na que está inmerso, e por iso, é moi importante que vaia da man do tecido empresarial da cidade”, apoiando, desde a súa posición como centro asistencial, “aquelas iniciativas que dan valor á sociedade”.
VALORES SAUDABLES
Neste caso concreto, destaca que os valores de Vithas son promover un estilo e uns hábitos alimenticios saudables, que coinciden co fomento dunha dieta que inclúa o consumo de produtos da pesca e a acuicultura, que apoian tanto Conxemar como Asociación, como os participantes na feira homónima.
Xa en outubro de 2021, o Hospital Vithas Vigo estivo presente nesta feira atendendo tanto a expositores, como a visitantes e organizadores da maior cita comercial de produtos conxelados que se celebra en España. Naquela ocasión, a realización de test de detección de covid, entón obrigatorios para viaxar a un bo número de países, foi a principal causa de atención. Con todo, tamén se atenderon outros problemas de saúde, ningún de gravidade.