InicioSociedadeA ciencia volverá saír ao encontro da cidadanía na segunda edición da...

A ciencia volverá saír ao encontro da cidadanía na segunda edición da G-Night

400 persoas, entre persoal investigador e técnico, participan na iniciativa que coordina a UVigo.

PUBLICADO O

Máis de 6000 persoas participaron o pasado ano en Galicia nas actividades da primeira edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), organizadas e desenvolvidas por preto de medio millar de investigadoras e investigadores, así como por persoal técnico. Coordinada pola UVigo, que lidera un consorcio formado por unha decena de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos, a G-Night 2022 despregará na segunda segunda edición, o vindeiro venres, 30 de setembro, máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico, nunha trintena de localizacións, espalladas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.

Por segundo ano consecutivo, as rúas, museos, bares e praias das grandes urbes galegas converteranse en punto de encontro do traballo que desenvolven as e os científicos coa sociedade, que terá a oportunidade de, un xeito lúdico, accesible e gratuíto, participar en obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos. 400 persoas, entre persoal científico e técnico, participan este ano na organización da G-Night 2022, que se desenvolverá simultaneamente o vindeiro venres en preto de 400 cidades europeas, que se suman a esta iniciativa da UE, financiada por Marie Sklodowska Curie Actions e que no caso de Galicia se desenvolve cos recursos propios das 10 entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia, Muncyt, Museo Nacional de Ciencia y Tecnología e os Museos científicos coruñeses.  

Na presentación este mediodía das actividades da segunda edición da G-Night, a vicerreitora da Investigación, transferencia e innovación da UVigo, Belén Rubio, agradeceu o traballo desenvolvido por todas as persoas implicadas na organización da xornada, ao tempo que destacou o valor que este tipo de actividades xa teñen en Europa no portfolio do persoal investigador e que na mesma medida deberan de ser tidas en conta a nivel nacional. “Vai haber un cambio no que se van empezar a valorar este tipo e actividades de divulgación da ciencia para que a cidadanía saiba o que estamos a facer”, dixo Rubio.

Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e relacións institucionais, Mónica Valderrama, incidiu na importancia de que as actividade da G-Night permiten “achegar á cidadanía en xeral e aos cativos en particular conceptos que son máis abstractos, cunha aplicación máis directa e máis doada de comprender”, destacou a vicerreitora, que lembrou a aposta da Unidade Cultura Científica da UVigo polas actividades cunha compoñente “experiencial”, para que as persoas se involucren a través da experiencia. 

Expo-feira, paseo científico, relatorios e ciencia no bar en Vigo

A praza do Berbés será o epicentro das actividades da G-Night en Vigo, onde o edificio Redeiras, o café Vitruvia e o Porto, completan as localizacións das actividades da Noite galega das persoas investigadoras. Entre as 18.00 e as 21.00 horas a praza do Berbés acollerá a expo-feira científica, organizada pola UVigo e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), na que se situarán a ducia de postos, nos que integrantes de grupos da investigación de ambas institucións, achegarán os seus coñecementos ao público asistente. Descobre connosco a vida do solo; Xeotecnoloxías aplicadas; Achégate ás telecomunicacións; Que son as nanocousas?; Ecobas Quiz; O minerais como testemuñas da historia; Constrúe unha dobre hélice de ADN; Nanopartículas plasmónicas: un arco da vella metálico; Microplásticos no medio mariño Un arco da vella baixo o mar, son as actividades que se desenvolverán na feira, tan que tamén participará o alumnado da UVigo responsable dos proxectos UVigo SpaceLab e UVigo Motorsport.

O edificio Redeiras, pola súa banda, acollerá, desde as 18.00 horas, cinco charlas e un coloquio nos que as aplicacións das matemáticas, a prevención das inundacións ou as linguas e a tecnoloxía, serán algúns dos temas que se abordarán. Entre as 18.00 e as 19.00 horas o público asistente poderá seguir en directo as charlas do CITMaga, que se celebran en Santiago de Compostela e nas que os investigadoras e investigadores da USC María José Ginzo, María Isabel Borrajo e Tomas Otero ofrecerán cadansúa charlas tituladas As matemáticas, unha ferramenta para a loita contra os incendios forestais, A estatísticas e o azar nas probas da Covid-19 e Cantos buracos ten unha camiseta? A partir das 19.00 desenvolveranse dúas charlas en directo no edificio Redeiras, Fomento da cooperación na prevención de inundacións en concas fluviais a cargo de Juan Vidal, do departamento de Estatística e investigación operativa da UVigo e Atúns fantásticos e onde atopalos de Sara Recondo, investigadora predoutoral da UDC. Ás 19.45 comezará unha charla-coloquio na que os investigadores Inmaculada Anaya do Grupo en gramática, discurso e sociedades e Miguel Cuevas de LVTC, ambos da UVigo, amosarán as achegas do coñecemento lingüístico nos ámbitos da tecnoloxía e a empresa.

Pola súa banda, entre as 20.30 e as 22.00 horas no café Vitruvia desenvolveranse tres charlas, dirixidas especialmente a público adulto e nas que os investigadores e investigadoras da UVigo Adreu Blanco (CIM), Elena Alonso (Cintecx) e Victor Hernando (CIM), abordarán, respectivamente: a protección dos mares, o papel dos recursos minerais na descarbonización e dixitalización da economía e os microorganismos degradadores de plásticos. As actividades da G-Night en Vigo complétanse cos tres paseos científicos que o persoal do grupo de investigación Geoma realizará a bordo da embarcación de prospección Inndaga e nos que unha ducia de persoas poderá coñecer as técnicas de prospección e investigación oceanográfica. Os paseos dunha hora de duración, comezarán ás 16.00 horas, con saída desde o porto de Vigo e as prazas xa están completas.

Charlas e Ser escriba na Antigüidade en Ourense

As actividades da G-Night en Ourense comezarán no salón de graos do Edificio de Ferro do campus ás 18.00 horas con tres obradoiros sobre tres escrituras da Antigüidade, organizados por persoal investigador do Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo. Os obradoiros, nos que cómpre inscribirse previamente, inclúen unha charla teórica sobre os sistemas de escritura xeroglífico, micénico e latín e unha actividade previa.

A partir das 20.30 horas as actividade da Noite galega das persoas investigadoras en Ourense desprazarase ao Café & Pop Torgal, que será o escenario de tres charlas que impartirán investigadoras e investigadores Grupo de estudos en traballo social: Investigación e transferencia. Breogán Riobóo ofrecerá un relatorio titulado Discapacidade e dependencia, unha sociedade inclusiva?, mentres que os relatorios de Carmen Verde e Paula Frieiro titúlanse: Cando interveñen as traballadoras sociais nas familias? Traballo social dixital, respectivamente.

Rolda de prensa de presentación das actividades da G-Night / Universidade de Vigo

Tres charlas en Pontevedra

No caso da cidade de Pontevedra, as e os investigadores da UVigo achegarán os seus coñecementos ao público a través de tres charlas que se desenvolverán en La Gramola a partir das 19.30 horas. A combustión: moito máis que lume e gases é o titulo do relatorio que ofrecerá Juan Jesús Rico, do Grupo de tecnoloxía enerxética; mentres que José Carlos Ardao do centro de investigación atlanTTic ofrecerá unha charla titulada A intelixencia artificial que nos rodea. Pola súa banda, Olalla González, do Grupo de procesos de separación avanzada falará de Tecidos intelixentes: innovando na industria téxtil

Researchers at schools

Cómpre destacar que entre os meses de xuño e setembro organizáronse 36 charlas de divulgación científica en 18 centros educativos de Vigo, Cambados, Ourense, Lugo, Tomiño, Nigrán, Redondela e Moaña. Trátase da iniciativa Researchers at schools coa que se pretende achegar o traballo do persoal investigador da Universidade de Vigo ás escolas e institutos e dar a coñecer ademais as actividades da G-Night. 
 

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...