InicioSociedadeO Concello de Vigo devolverá os terreos da ETEA a Zona Franca

O Concello de Vigo devolverá os terreos da ETEA a Zona Franca

Así dá resposta á sentenza do TSXG que o obriga a pagar os 11,5 millóns dos terreos ou a devolvelos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo iniciou os trámites para desafectar os terreos que lle foron entregados na antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), para poder así devolverllos á ETEA e non ter que pagar os 11,5 millóns que custaban e que nunca foron abonados.

Esta medida ten a súa orixe nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tras a demanda interposta pola Zona Franca de Vigo (cando Teresa Pedrosa era delegada) na que reclamaba ao Concello o pago deses terreos. O alto tribunal galego deu a razón ao organismo e ordenou ao Concello que, ou ben abonase o diñeiro, ou ben devolvese os terreos (a parcela onde se atopan os pavillóns deportivos e o campo de fútbol, así como os viarios que vertebran toda a ETEA).

O Concello xustifica que non pode cumprir o convenio de 2009 polo que se establecía que pagaría 11,5 millóns de euros por esas parcelas, e que tamén contemplaba que a Xunta investiría a mesma cantidade no desenvolvemento do túnel de Julián Estévez. Esa condición non puido cumprirse pola anulación do Plan Xeral, e agora a administración municipal propón desafectar as parcelas e devolvelas a Zona Franca.

En todo caso, iniciou a tramitación dun convenio co organismo estatal (cuxo delegado desde 2018 é David Regades) para que o Concello, que investiu uns 2 millóns de euros nas instalacións deportivas, pode seguir dispoñendo do uso das devanditas instalacións.

PAGO ANUAL POLA CESIÓN DO USO

Deste xeito, propón pagar un canon anual a Zona Franca de 105.766 euros máis IVE pola cesión do uso da parcela. Así mesmo, propón o pago de case 3 millóns de euros para facerse coa titularidade dos viarios, que se abonarían descontándoos do IBI que paga Zona Franca polas súas instalacións no termo municipal.

O expediente de desafectación irá a comisión informativa esta semana e a pleno a semana que vén. A partir de aí, deberá facerse efectivo o convenio para a cesión do uso da zona deportiva pero os técnicos dan por feito que as instalacións terán que pecharse polo menos temporalmente, xa que a entrega da parcela debe facerse con esas instalacións “libres e expeditas de cargas, de usuarios ou de calquera ben que as ocupe”.

ÚLTIMAS

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...

A Xunta e Vicus Gallaecia analizan os retos da mobilidade e urxen un calendario para o AVE Vigo-Porto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns nun encontro...