Vigo conta as horas para ver a Iggy Pop e C. Tangana no porto

Formará parte do Festival Latitudes.

Marta Fernández-Tapias este xoves en Vigo.. XUNTA

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este xoves o peirao de Transatlánticos da cidade no que se está ultimando a montaxe do Festival Latitudes e do escenario do concerto de C. Tangana.

Tal como lembrou, este fin de semana o evento musical traerá á cidade olívica a artistas como Iggy Pop, Two Door Cinema Club ou Manda Diao, entre moitos outros, mentres que o martes será a quenda do artista madrileño C. Tangana, que tamén actuará no peirao.

“Durante as últimas semanas xa tivemos grandes actuacións como as de Texas ou Rufus Wainwright e a partir de mañá regresan os grandes concertos a Vigo coa mellor oferta musical de toda Galicia”, reivindicou Fernández-Tapias, quen indicou que estas actuacións se enmarcan dentro da celebración do Xacobeo 2021-2022.

A última edición do Festival Latitudes celebrouse en Santiago de Compostela en 2016, polo que agora o evento volve tras varios anos de parón, convertendo durante dous días ao porto de Vigo nunha nova “parada obrigatoria” do Camiño de Santiago.