InicioEconomíaO beneficio das empresas baixou un 14,5% en 2020, segundo o informe...

O beneficio das empresas baixou un 14,5% en 2020, segundo o informe Ardán

Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo presentaron este mércores o Informe económico e de competitividade Ardán.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo presentaron este mércores o Informe económico e de competitividade Ardán, que procesou as contas anuais de 2020 de 36.500 empresas galegas, cuns ingresos totais de 93.500 millóns de euros.

Del despréndese que os ingresos e o valor engadido bruto das firmas con domicilio social en Galicia baixaron un 8,6% e un 8,1%, respectivamente en 2020, ano no que estalou a pandemia do coronavirus. Ademais, o beneficio neto das empresas galegas caeu un 14,5%, mentres que a súa rendibilidade económica se mantivo nun 2,4% e a financeira nun 4,6%.

“O informe ofrece unha visión completa da economía de Galicia desde múltiples dimensións: macroeconómica, análise do tecido empresarial e a súa actividade por sectores e territorio. Inclúe ademais diagnósticos sobre o desempeño das empresas galegas nos factores que se consideran clave para a competitividade no contexto actual como a innovación, a internacionalización, a circularidade económica, a xestión do talento e a igualdade de xénero”, indicou o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, no acto de presentación de resultados.

No lado positivo, xa con datos de 2021, Zona Franca destacou o esforzo realizado polas empresas galegas no ámbito do I+D, que segue á alza e se situou nun 1,5% da facturación e cada vez con máis fondos privados, “o que reflicte o crecente compromiso das compañías en recursos para innovación”.

O documento tamén constata un crecemento anual da propensión exportadora das empresas galegas próximo ao 5%. En 2021, máis ou menos, de cada 100 euros de vendas das empresas galegas, 13,5 euros tiñan como destino algún mercado internacional, sendo as compañías de máis de 50 traballadores as que mostran unha intensidade exportadora máis alta.

Neste sentido, a fabricación de produtos farmacéuticos; a produción de vehículos a motor; as actividades de investigación e desenvolvemento ou o sector de fabricación de material e equipo eléctrico son as que máis sobresaen, cunha propensión exportadora superior ao 50%.

ECONOMÍA CIRCULAR

Entre outros datos, o 34% das empresas afirma estar a desenvolver ou ter implantada unha estratexia sobre economía circular e o 6% utiliza indicadores para facer seguimento e comunícano externamente. O Informe Ardán tamén recolle os seus indicadores, que mostran ás empresas excelentes. Este ano un total de 1.400 empresas obtiveron algún indicador Ardán.

Na presentación tamén participaron profesores da Cátedra Ardán da UVigo como Santiago Lago-Penas, quen indicou que cando se contempla a Galicia en España, Galicia tende a situarse na mediana das distribucións. Con todo, cando a comparación se fai con Europa, Galicia tamén se sitúa preto da mediana cando se fala de indicadores de benestar ou calidade de vida, pero perde moitas posicións cando se refire aos indicadores de competitividade ou innovación.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...