Petición de 45 anos de cárcere para os encargados dun club por explotación sexual a mulleres venezolanas

Os acusados facilitaban ás vítimas billetes de avión desde Caracas (vía Portugal), reservas de hotel e diñeiro en efectivo, para que estas puidesen entrar en España como turistas, e sen levantar as sospeitas das forzas de seguridade.

Xulgados de Vigo

A Fiscalía pide penas que suman 45 anos de prisión para un home e unha muller, encargados dun club situado no partido xudicial de Cambados, por captar a mulleres vulnerables en Venezuela e traelas a Galicia para prostituílas, e que serán xulgados este martes na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación pública, os procesados (un cidadán brasileiro e unha muller romanesa), estaban ao cargo dun club de alterne e, entre marzo e abril de 2018, actuando de acordo con persoas que vivían en Venezuela, xuntáronse para captar a mulleres en situación de penuria económica e enganalas para ofrecerlles un traballo de camareira, cando en realidade o seu obxectivo era explotalas sexualmente.

Así, os acusados facilitaban ás vítimas billetes de avión desde Caracas (vía Portugal), reservas de hotel e diñeiro en efectivo, para que estas puidesen entrar en España como turistas, e sen levantar as sospeitas das forzas de seguridade.

Unha vez en Galicia, eran trasladas ao club e alí informábaselles da ‘débeda’ que adquiriran e de que debían exercer a prostitución para saldala. Os acusados controlaban os movementos e ingresos das vítimas, que non tiñan seguro médico nin outras atencións, e multábanas ” se non traballaban ou se saían do club”.

Deste xeito, e con axuda de xente en Venezuela, lograron captar unha muller que tiña ao seu cargo ao seu tres fillos menores e á súa nai, e que estaba en situación de penuria económica; a outra muller, tamén en situación moi precaria, xa que vivía coa súa parella e o seu fillo pequeno e non tiñan ingresos; e unha estudante de 18 anos cuxa familia tamén estaba en situación vulnerable.

AGRESIÓN SEXUAL

No escrito da Fiscalía, exponse que o acusado acosaba e desprezaba especialmente á máis nova das mulleres, que estaba tan indefensa que non sabía sequera como tiña que actuar no seu primeiro ‘servizo sexual’.

O acusado increpábaa e a presionaba para que traballase e, nunha ocasión na que a moza foi rexeitada por uns clientes, o procesado enfadouse, meteuna noutra habitación e agrediuna sexualmente.

DELITOS E PENAS

Por estes feitos, o Ministerio Público considera aos acusados autores dun delito de favorecimiento de inmigración ilegal, e tres delitos de trata de seres humanos en concurso medial con tres delitos de prostitución coactiva. Ademais, ao home considérao tamén autor dun delito de agresión sexual.

Así, para o acusado solicita penas que suman 23 anos de prisión, así como o afastamento das vítimas, e a medida de liberdade vixiada durante 10 anos. Para a outra acusada, pide 22 anos de cárcere.

Finalmente, reclama que indemnicen ás vítimas polo diñeiro que obtiveron exercendo a prostitución e do que se apropiaron os acusados, e polos danos morais. Para a primeira muller solicita indemnización de 8.350 euros; para a segunda, de 7.220 euros; e para a nova estudante, compensacións que suman 17.710 euros.