InicioPolíticaAbel Caballero presume de "transformación histórica" de Vigo desde que é alcalde

Abel Caballero presume de “transformación histórica” de Vigo desde que é alcalde

O rexedor fala dunha "revolución" que converteu a cidade nun referente "na ruta das urbes turísticas máis importantes de Europa".

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este xoves balance do seu goberno de “tres mandatos máis tres anos”, e subliñou a “transformación histórica” da cidade, o elevado nivel de investimentos, así como o “liderado” asumido pola urbe a nivel estatal e europeo, en áreas como a mobilidade urbana ou o turismo.

Así o manifestou durante un acto que se celebrou no auditorio municipal de Praza de Rei, ante unhas 200 persoas, e no que Caballero repasou os logros do seu goberno desde que tomou posesión como alcalde, en 2007, ata a actualidade, con especial atención aos investimentos e proxectos no último trienio.

O rexedor referiuse a máis de mil rúas ‘humanizadas’; ás novas dotacións deportivas, en especial á obra de reforma do estadio de Balaídos, a “icona deportiva de Galicia” para o que a Xunta “pon cero euros, aínda que logo van ao palco”; ás ducias de parques infantís novos ou reformados; aos ascensores, ramplas e escaleiras mecánicas do proxecto ‘Vigo Vertical’; ao programa artístico de medianeiras; ou ás bolsas de inglés.

Así mesmo, e tras pór en valor a creación de emprego, as políticas de igualdade, a renovación urbanística ou as axudas sociais, o alcalde incidiu na “revolución” que converteu Vigo nun referente “na ruta das cidades turísticas máis importantes de Europa”, coa campaña do Nadal como punta de lanza de todas as iniciativas. Nese momento, o alcalde aproveitou para insistir na súa mensaxe de que “o Nadal de Vigo atrae máis visitas que cinco celebracións do Xacobeo”.

Por outra banda, destacou a fluída relación co Goberno de España que, repetiu, concede “todo” o que pide para Vigo, e que se reflicte en proxectos como o AVE directo a Madrid por Cerdedo, a saída sur ferroviaria, o estudo de abastecemento de auga ou a nova autovía Vigo-O Porriño; así como o “liderado” que asumiu a cidade no ámbito tanto estatal como europeo, con presenza en foros destacados, en medios de comunicación nacionais e internacionais, e recoñecementos en diversas áreas (mobilidade, limpeza, dixitalización, etc.)

“AGRAVIOS”

Con todo, a intervención de máis dunha hora do rexedor non se centrou só nos logros e proxectos do seu goberno, senón que Caballero aludiu constantemente á Xunta de Galicia, para lembrar os “agravios” cara a Vigo e a ausencia de investimentos. Así, criticou que non achegue fondos para a reforma de Balaídos, para a nova potabilizadora, para as orquestras sinfónicas de Vigo, para promocionar o Nadal vigués, ou para facer as melloras en patios de centros escolares.

De feito, Abel Caballero enumerou, ao final da súa intervención, unha listaxe con eses “agravios” da Xunta, entre os que están: a fusión das caixas; “a pretensión de pechar o aeroporto” e os apoios a voos desde Santiago; o AVE a Madrid pasando por Santiago; “paralización” da candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade e da área Metropolitana; o aparcadoiro de pago no hospital Álvaro Cunqueiro; paralización de varias obras de humanización; ou o incumprimento do compromiso crear un campus de FP.

ÚLTIMAS

Sanidade non garante os salarios do persoal de ambulancias e realizará unha intervención pública da empresa

Altos cargos da Consellería, Sergas e 061 con representación do comité de folga da...

A vivenda tutelada de Cogami en Mos contará con cinco novas prazas públicas financiadas pola Xunta

A vivenda tutelada de Cogami no municipio pontevedrés de Mos contará con cinco novas...

O TSXG acolle o luns a apelación da condena de 20 anos ao home que asasinou á súa veciña na rúa Zamora de Vigo

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)...

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...