InicioEconomíaO persoal de mantemento de zonas verdes de Vigo anuncia folga indefinida

O persoal de mantemento de zonas verdes de Vigo anuncia folga indefinida

Denuncian a "progresiva precarización" das condicións laborais e os "incumprimentos" do convenio colectivo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Traballadores de mantemento de zonas verdes de Vigo anunciaron este xoves o inicio dunha folga indefinida a partir do próximo luns, día 20 de xuño, para denunciar a “progresiva precarización” das condicións laborais desde a entrada en vigor da última reforma laboral e os “incumprimentos” do convenio colectivo por parte da concesionaria municipal.

Nunha rolda de prensa, membros do comité de empresa (8 delegados da CIG e 1 de UGT), co seu presidente á cabeza, Alfredo Filgueiras, explicaron os motivos desta convocatoria.

“O noso convenio colectivo establece que o persoal indefinido traballa de luns a venres en xornada intensiva en quenda de mañá, pero por mor da reforma laboral, a empresa (UTE Zonas Verdes Vigo, de Acciona y Mantén) está a facer catro tipos de indefinidos distintos: fixo-descontinuo, que entendemos que non procede porque o noso traballo non ten estacionalidade que o xustificaría; fixo a tempo completo; fixo a tempo parcial con horas complementarias, que traballan cinco horas diarias seis días á semana, e fixo a tempo parcial con xornada irregular”, lamentou Filgueiras.

Para el, isto suporá que unha vez se vaia xubilando o persoal, o servizo irase precarizando en materia de contratación e relacións laborais. Á súa vez, censurou que o Concello de Vigo, que está a pagar 109 traballadores a tempo completo, “mire para outro lado”. Filgueiras tamén criticou a actitude da dirección da UTE, xa que en 15 meses que levan á fronte do servizo “xa hai encima da mesa 37 sancións, superando as rexistradas en todos os anos que leva a concesión”.

Así mesmo, os traballadores consideraron “desproporcionados” os servizos mínimos expostos pola empresa. “Pon unha persoa por equipo, un total de 34 dos 109 que integramos o cadro de persoal, preto do 30%, coa escusa de regar, baleirar as papeleiras e limpar os baños de Samil, Castrelos e O Castro”, criticaron.

Filgueiras lembrou que na primeira folga, convocada en 2005, obtívose unha sentenza xudicial que establecía que nesa concesión non hai lugar a decretar servizos mínimos, porque non se trata dunha actividade esencial para a comunidade. Esta mesma tarde levarase a cabo unha asemblea para decidir as mobilizacións que se desenvolverán durante a folga.

ÚLTIMAS

Retroceder as praias ou recuar a Administración

O que está a acontecer este inverno na costa da ría de Vigo non...

GKN Driveline Vigo rebaixa a 50 os afectados polo ERE, pero a CIG convoca unha folga de sete días

A auxiliar de automoción GKN Driveline Vigo reduciu de 75 a 50 o número...

Sanidade inspecciona o servizo de Dermatoloxía de Povisa tras as denuncias por falta de especialistas

A Consellería de Sanidade realizou unha visita de inspección ao servizo de Dermatoloxía do...

O PP de Vigo esixe a dimisión de Patricia Rodríguez polo “caos” na Policía Local e a frota coa ITV caducada

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, denunciou o "desgoberno" e o "caos...