InicioSociedadeMáis de 4.400 persoas beneficiáronse das axudas de Cáritas Tui-Vigo no 2021

Máis de 4.400 persoas beneficiáronse das axudas de Cáritas Tui-Vigo no 2021

Os seus responsables alertan do aumento de demanda de apoio psicolóxico, tamén no primeiro semestre de 2022.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Máis de 4.400 persoas beneficiáronse en 2021 de programas ou axudas de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, a maior parte delas persoas en situación irregular, de nacionalidade española ou dalgún país latinoamericano, segundo se desprende da memoria de actividade desta organización, presentada este luns na cidade olívica.

O director de Cáritas Tui-Vigo, Gonzalo Davila, sinalou que, durante o pasado ano, participaron máis de 2.830 persoas nos diferentes programas da organización e beneficiáronse un total de 4.408 persoas.

A maior parte de persoas beneficiarias fórono de axudas das Cáritas Parroquiais, seguidos por programas de acollida e inmigración, e por programas de emprego. Con respecto á nacionalidade, 823 participantes nas iniciativas eran persoas de Latinoamérica ou países do Caribe (sobre todo Venezuela, Colombia e Perú); 797 eran españois; 116 de África; 86 do resto de Europa; 54 de Medio Oriente e Magreb; e 5 de países de Asia.

No caso da cidadanía estranxeira, a maior parte eran persoas en situación irregular (361), aínda que outros tiñan autorización de residencia ou traballo (271). Cáritas Diocesana Tui-Vigo tamén atendeu 229 estranxeiros con status de protección internacional. Como outros anos, volve repetirse a diferenza por xénero: o 67 por cento das persoas atendidas foron mulleres. Con respecto ao rango de idade, un 64,65 % foron persoas entre 36 e 65 anos; un 28,92 % tiñan entre 18 e 35 anos; e un 5,85 % eran maiores de 66 anos.

AXUDAS

Durante o ano 2021, Cáritas Tui-Vigo outorgou máis de 451.000 euros en axudas económicas e, mentres que o ano anterior o primeiro posto no ‘ranking’ desas axudas o ocupaba a alimentación, o ano pasado as maiores axudas foron para vivenda (case 213.000 euros).

Tamén se outorgaron 133.000 euros de axudas para alimentación; algo máis de 45.000 euros para sufragar cursos de formación; 21.000 euros para cuestións relacionadas coa saúde; ou case 16.700 euros en vales para adquirir roupa nas tendas de Cáritas.

PROXECTO TÉXTIL

Os responsables de Cáritas Tui-Vigo fixeron tamén balance do proxecto téxtil da organización, que se transformou na empresa Servizos Comerciais de Inserción Laboral, onde traballan 15 persoas, entre estrutura e inserción. En Vigo, o proxecto conta con 3 tendas, baixo o nome comercial MODA-RE, no Calvario, A Florida e no centro comercial Vialia. O ano pasado recolléronse máis de mil toneladas de roupa, en 184 colectores que Cáritas ten distribuídos na cidade de Vigo.

EQUIPO HUMANO E INGRESOS

En Cáritas Diocesana Tui-Vigo traballan máis de 600 persoas, das que 558 son voluntariado; e durante 2021 contaron coa axuda desinteresada de 1.167 doantes.

No pasado exercicio, a organización obtivo uns ingresos de algo máis de 2 millóns de euros, a maioría procedentes das administracións públicas (34,2 %) e de institucións privadas (29,3 %), seguidos pola achega de socios (15,4 %) e legados 13,30 %).

PREVISIÓN DE MÁIS DEMANDA

A pesar de non ter datos pechados, Gonzalo Davila sinalou que, no que vai de 2022, se incrementou un 43 % o número de peticións de información por parte das persoas que acoden a Cáritas; e tamén se incrementaron as demandas para a axencia de colocación, as peticións de apoio psicolóxico e de asesoría xurídica.

Por outra banda, Davila indicou que a organización ve con “preocupación” o “grave problema” da vivenda, “debido ao aumento significativo do prezo do aluguer de pisos e habitacións”. “É moi posible que se incremente considerablemnte a demanda de axuda dada a sotuación económica actual”, afirmou o director de Cáritas Tui-Vigo.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...