InicioSucesosAbsolta por terceira vez a funcionaria do Sergas que entrou no historial...

Absolta por terceira vez a funcionaria do Sergas que entrou no historial da súa filla

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra considera que había un "consentimento tácito".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu, por terceira vez, á funcionaria do Sergas denunciada pola súa filla por acceder ao seu historial médico, ao considerar que había un “consentimento tácito”.

Esta traballadora, que desempeñaba o seu labor no Hospital Xeral-Cíes de Vigo, foi xulgada por un suposto delito continuado de descubrimento de segredos por parte de funcionaria pública, e a Fiscalía pedía para ela 4 anos de prisión, 9 anos de inhabilitación e o pago dunha multa de 7.200 euros. A acusación particular, exercida pola súa filla, solicitaba 4 anos de cárcere, 12 anos de inhabilitación, multa de 8.640 euros, e unha indemnización de 15.000 euros por danos psicolóxicos e morais.

Durante o xuízo, a acusada recoñeceu que accedeu ao historial médico da súa filla ata en 25 ocasións, entre 2012 e 2014, pero que o fixo a petición dela, e co seu permiso. Pola súa banda, a filla asegurou que non só non autorizara á súa nai, senón que, nesa época, non tiña relación con ela.

A traballadora do Sergas xa foi xulgada por estes mesmos feitos en dúas ocasións anteriores. A primeira vista celebrouse en 2019 e a Audiencia considerou que non se podía probar sen ningunha dúbida que non houbese esa autorización e mesmo advertía de que podería haber motivos espurios na denuncia da filla (coa que ten mala relación), polo que absolveu á acusada.

Ese mesmo ano, o TSXG revogou esa sentenza e ordenou repetir o xuízo ao considerar que se vulneraron as regras de distribución da carga da proba, que houbo erro na valoración desta e que non houbo explicación razoada.

O xuízo repetiuse en 2021 e, de novo, a Audiencia absolveu á acusada. No verán dese ano, o TSXG volveu estimar recurso da denunciante e da Fiscalía, e de novo anulou a sentenza, practicamente cos mesmos argumentos que na primeira anulación, e ordenou repetir o xuízo, que se repetiu por terceira vez en abril deste ano.

TERCEIRA ABSOLUCIÓN

Este martes deuse a coñecer a terceira sentenza, contra a que cabe recurso, na que a Audiencia novamente absolveu á funcionaria ao entender que, aínda que se produciron eses accesos ao historial médico da súa filla, esta non lle retirou o consentimento nin lle prohibiu consultar ese historial.

Segundo o tribunal hai “base probatoria suficiente” para sustentar “a existencia dun consentimento tácito e xeneralizado dos fillos da acusada, tamén da querellante, respecto da súa nai, para acceder ás súas historias clínicas cando o precisaban”. De feito, destaca que “era algo normal no seo familiar, que non xeraba ningún tipo de controversia e do que se beneficiaban todos os integrantes da familia, sen dúbida, a propia querellante”.

Respecto diso, os maxistrados explican na súa resolución que é “indiferente” o número de veces que a acusada accedese á historia clínica da súa filla, así como o determinar se esas entradas eran ou non xustificadas. Os xuíces recalcan que o relevante é “se houbo ou non houbo consentimento da titular dos datos médicos” e conclúen, tras o exame da proba practicada, “que sempre houbo un consentimento tácito, que nunca lle foi retirado”.

Por outra banda, afirman que o testemuño da prexudicada está “cheo de inconsistencias e de inexactitudes”, e sinalan que está probada a mala relación entre nai e filla, así como que a denunciante alternaba a súa residencia na vivenda familiar con tempadas no domicilio que comparte coa súa parella, dependendo do momento que atravesase a súa relación sentimental.

Así mesmo, apunta que, no período 2012-2014, aínda que a moza xa non vivía cos seus pais, a relación coa súa nai “non era inexistente”, como alegou no xuízo. Neses anos, non só mantiñan relación telefónica habitual (durante un tempo a filla viviu en Canarias), senón que foron vistas xuntas por testemuñas.

Ademais, o tribunal provincial sinalou que a propia filla recoñeceu no xuízo que “nunca lle dixo á súa nai que deixase de acceder á súa historia clínica, engadindo que quen llo tiña que dicir era o Sergas”.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...