InicioSucesos88/10000 Detido en Vigo un menor de 16 anos por agredir á...

88/10000 Detido en Vigo un menor de 16 anos por agredir á súa nai, á súa avoa e a un policía

Deteñen tamén outro vigués que agrediu á súa avoa e á súa tía avoa, e que losqueou un axente de Policía Local.

PUBLICADO O

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un menor, de 16 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia no ámbito familiar, tras agredir á súa nai. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde deste martes, cando o 092 recibiu unha chamada dunha muller que estaba a chorar e moi alterada, e que denunciaba que o seu fillo a agrediu.

Unha patrulla desprazouse á zona, no barrio de Teis, e entrevistouse coa nai, que presentaba marcas no pescozo, o lado dereito do mentón e nun brazo. Así mesmo, a muller queixábase de dor na parte traseira dunha perna. Segundo relatou, tivera unha discusión co seu fillo por un tema intranscendente e o mozo elevara progresivamente o seu nivel de agresividade. Por iso, a nai decidiu saír do domicilio á rúa e chamar á Policía, pero o seu fillo deulle alcance e comezou a golpeala.

A muller conseguiu fuxir, pero volveu á vivenda ao decatarse de que estaba alí a súa filla de 20 anos, e ante o temor de que o irmán puidese agredila tamén a ela. Ao volver á vivenda, o menor volveu golpeala, ata que cesou na súa actitude e se encerrou na súa habitación.

Varias testemuñas apoiaron a versión da muller, polo que os axentes convidaron o mozo a saír da habitación e procederon á súa detención, como presunto autor dun delito de malos tratos no ámbito familiar.

AGREDE A SÚA AVOA E A SÚA TÍA AVOA

Doutra banda, axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño da cidade, P.V.D.R., de 31 anos de idade, como presunto autor dun delito de malos tratos no ámbito familiar e un de atentado, despois de golpear á súa avoa e á súa tía avoa, e de losquear un axente de Policía.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite do pasado martes, cando o 092 recibiu un aviso dunha testemuña que vira un mozo na rúa rompendo o espello retrovisor dun vehículo. A testemuña tamén sinalou que, a continuación, ese mozo entrara nun edificio da zona.

Unha patrulla personouse no lugar e, cando se estaban aproximando ao inmoble, os axentes escoitaron berros de auxilio de dúas mulleres, e a voz dun home proferindo ameazas de morte.

Os policías chamaron á porta da vivenda e abriron a porta dúas mulleres irmás, de 78 e 81 anos de idade, unha das cales presentaba marcas no pescozo, mentres que a outra tiña un golpe na cabeza, un hematoma no nariz, outro nun dedo, e sangue pola comisura da boca.

As anciás explicaron que o mozo que entrara no domicilio vive con elas se trata do seu neto e sobriño-neto respectivamente. Segundo o seu relato, chegara á vivenda moi alterado e, cheas de temor, encerráronse nunha habitación.

O mozo tirou a porta abaixo e empezou a golpear á súa avoa. A outra muller tratou de interporse e converteuse no obxectivo da súa ira, de maneira que a tirou sobre a cama e comezou a darlle puñadas, ata que chegaron os axentes. Aterradas, as mulleres comentaron aos policías que, de chegar estes máis tarde, “mataríaas”.

O suposto agresor estaba no domicilio e mostrouse desafiante cos axentes que lle preguntaron polo sucedido, ata o punto de que chegou a ameazar aos funcionarios e, levantándose súbitamente, propinou unha labazada a un deles. Os policías procederon á súa inmediata detención, como presunto autor dun delito de violencia no ámbito familiar, e outro de atentado contra axentes da autoridade.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

O BNG de Vigo pide ao Concello a mobilización de 200 millóns de remanentes ante a “ameaza” de bloqueo este ano

O BNG de Vigo urxiu ao goberno local de Vigo que mobilice uns 213...

Abel Caballero celebra a chegada da moi alta tensión eléctrica á cidade: “É o que Stellantis e a cidade quería”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio da aprobación no Consello...