Un veciño de Vigo, E.G.S., aceptou este mércores unha condena de 900 euros de multa e 3 anos de inhabilitación tras recoñecer ser autor dun delito de posesión de pornografía infantil, tal e como se acordou nunha vista de conformidade celebrada no xulgado do Penal 3 da cidade olívica.
Os feitos remóntanse a finais de 2020 e principios de 2021, cando a Policía detectou a descarga de arquivos con contido pedófilo desde unha dirección IP de Vigo. Así, realizouse un rexistro no domicilio onde se situaba esa dirección e os axentes incautáronse dunha memoria USB, un disco duro externo e un disco duro interno.
Os investigadores non localizaron nada no disco externo nin na memoria USB, pero si atoparon un vídeo de contido pedófilo no disco duro interno. Así mesmo, puideron recuperar da papeleira de reciclaxe 699 arquivos de pornografía infantil.
Inicialmente, a Fiscalía pedía 9 meses de prisión e a inhabilitación para exercer profesión ou actividade na que houbese trato con menores durante 5 anos. No entanto, o acusado recoñeceu os feitos e, tras un acordo entra as partes, aceptou multa de 900 euros e 3 anos de inhabilitación.
A sentenza foi declarada firme na sala, ao confirmar tanto a Fiscalía como a defensa a súa intención de non recorrer.
